O Concello de Santiago vén de aprobar dous expedientes de xustificación da convocatoria da concesión de axudas a un total de 32 entidades deportivas da cidade por un importe de 200.537,82 euros. Nun destes expedientes, inclúense as xustificacións de 17 entidades por 103.498,10 euros, mentres que no outro, son un total de 15 entidades por unha cantidade de 97.039,72 euros, segundo explicou en rolda de prensa a voceira do goberno municipal, Míriam Louzao.
O total de axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria ascende a 329.999,73 euros dos que se beneficiaron un total de 56 entidades. Ademais, no eido deportivo, tamén se aprobaron os expedientes xustificativos dos convenios de colaboración coa Fundación Educación e Deporte de Santiago (2º semestre) por 11.500 €; coa Asociación Cultural, Deportiva e Recreativa Os Escaravellos Club Ciclista (16.000 €), Club Arteal Tenis de Mesa (7.500 €) e a Federación Galega de Judo (6.000 €). Ademais de con as asociacións de Loita contra as Enfermidades do Ril da Coruña (5.000 €) e Em Rede (4.000 €).



