Altri participa desde hoxe xoves e ata o vindeiro sábado en Galiforest, a feira internacional de referencia para o sector forestal en Galicia, onde presenta o seu modelo de xestión forestal e os servizos que ofrece a propietarios e empresas para a valorización do monte.
A través da súa división Altri Forestal, a compañía xestiona máis de 100.000 hectáreas na Península Ibérica baixo as certificacións internacionais FSC e PEFC, que acreditan a sustentabilidade e a rastrexabilidade da xestión forestal.
Durante o certame, a empresa dará a coñecer diferentes fórmulas de colaboración con propietarios forestais, entre elas a venda de madeira, a xestión integral de leiras, o alugueiro ou consorcio de terreos e o acompañamento en procesos de compravenda de propiedades, incluídos aqueles con situacións administrativas complexas.
Segundo explicou Miguel Silveira, membro do Comité Executivo de Altri e director de Altri Forestal: “o noso obxectivo é adaptar a xestión ás necesidades de cada propietario para mellorar o rendemento económico e o valor das leiras, tanto mediante operacións puntuais como a través de acordos de xestión a longo prazo”.
A compañía conta cun equipo de preto de un centenar de profesionais, 25 deles en Galicia, dedicado á xestión forestal, a investigación e o desenvolvemento de programas de mellora xenética.
Entre as súas liñas estratéxicas figuran a mellora da rastrexabilidade das plantas, a conservación dos chans, o uso de abonos agrominerales, a vixilancia sanitaria para reducir a incidencia de pragas e a restauración de flora autóctona.
A empresa tamén destacou o potencial do alugueiro e consorcio forestal como fórmula para que os propietarios manteñan a titularidade dos seus terreos mentres delegan a súa xestión técnica, perciban ingresos periódicos durante a vixencia do contrato e recuperen posteriormente unha leira con maior produtividade e valor patrimonial.
Coa súa participación en Galiforest, Altri busca reforzar a súa presenza no sector forestal galego e dar a coñecer as distintas opcións de xestión e valorización que ofrece a propietarios e empresas vinculadas ao monte.


