A Consellería do Medio Rural reforzará os controis co fin de vixiar a renovación de contratos do leite para asegurar a sustentabilidade de todo o sector, en especial dos produtores. Así o anunciou a titular deste departamento, María José Gómez, despois de manter unha xuntanza con representantes de Unións Agrarias, na que avaliaron as novas contratacións que se asinarán nas vindeiras semanas, nun contexto caracterizado pola entrada en España de excedentes de leite da Unión Europea a baixo prezo; así como polo incremento dos custes de produción derivados do conflito en Oriente Medio.
Neste encontro, no que tamén estivo presente o director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, a Consellería comprometeuse a, no marco deste novo plan de control, supervisar o contido dos contratos que están a piques de ser asinados para verificar que seguen de xeito escrupuloso o disposto na lexislación. A maiores, realizaranse novas accións para verificar a trazabilidade do leite e detectar así posibles incumprimentos no etiquetado respecto á súa orixe.
Neste sentido, Gómez puxo en valor a calidade do leite galego, tal e como acredita o selo Galega 100%. Lanzou tamén unha mensaxe aos consumidores, porque “somos todos os que temos que apoiar aos nosos gandeiros e agricultores” e incidiu na importancia de “mercar produtos orixe Galicia, que sabemos que teñen a mellor calidade e é a mellor maneira de apoiar ao sector produtor”.
ESIXENCIAS AO GOBERNO CENTRAL
Do mesmo xeito, María José Gómez adiantou que se lle instará ao Goberno central para que, a través da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), realice unha inspección exhaustiva dos contratos do leite ante a súa renovación, para facer cumprir así a lei da cadea alimentaria. Tamén se solicita a intervención da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) para avaliar unha posible competencia desleal dos excedentes que están entrando a España doutros países da UE.
A maiores, e tal e como xa avanzara o presidente da Xunta esta mesma semana, cómpre que o Goberno central convoque ás comunidades autónomas e valore que medidas tomar neste contexto, especialmente a nivel fiscal. En concreto, a conselleira reclamou unha redución dos impostos na enerxía eléctrica, o gasóleo, os plásticos e os fertilizantes, co fin de paliar as implicacións que está a ter esta situación no sector agrogandeiro.
As diferentes medidas anunciadas pola Consellería levaranse a cabo de xeito prioritario e inmediato, sobre todo porque o Goberno galego non defenderá nin apoiará unha baixada nos prezos que perciben os gandeiros, especialmente neste contexto. “Non podemos entender unha baixada pronunciada”, manifestou María José Gómez.
Deste xeito, para a vindeira semana están previstos encontros coas principais industrias lácteas de Galicia e, en días posteriores, coas cadeas de distribución. Nestas reunións exporanse as medidas que se van desenvolver por parte da Consellería do Medio Rural e apelarase á corresponsabilidade de todos os axentes da cadea de valor para garantir o futuro do rural galego.


