PUBLICIDADE

O tecido empresarial e hostaleiro de Ames estará xeolocalizado nunha guía de empresas municipal

PorBisbarra

Mércores, 6 Maio 2026 , , ,
Presentación da guía en Ames

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Emprego, presentou esta mañá, no salón de plenos da Casa do Concello, a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que parte co obxectivo de ofrecer a empresarios e usuarios amesáns unha base de datos das empresas e do comercio local. Baixo o slogan “Tes que estar!” a Administración local busca achegar o comercio local á veciñanza mediante esta plataforma dixital, que permite localizar empresas, comercios e locais de hostalería de maneira sinxela dende a rede. O aplicativo será público e accesible a través da web do Concello. Na actualidade, dáse un prazo dun mes para altas de novos establecementos e corrección de posibles erros.

O Concello de Ames, a través do departamento de Promoción Económica e Emprego, presentou esta mañá a Guía de Empresas de Ames, un proxecto que busca conectar á veciñanza co comercio de proximidade e co tecido empresarial. “Tes que estar!” é a consigna utilizada para atraer tanto a empresarios como usuarios e usuarias a esta aplicación web que funcionará como unha base de datos de todas as empresas que conforman o tecido comercial e hostaleiro de Ames.

A plataforma está na fase de probas, polo que durante o próximo mes, todas as empresas da municipio (do Milladoiro, Bertamiráns e do rural) que queiran participar deberán poñerse en contacto mediante o enderezo de correo electrónico guiaempresasames@gmail.com ou no número de teléfono 626 98 71 72 en horario de 09.00 a 15.00 horas.

PUBLICIDADE

Actualmente, a base dispón de arredor de 1.150 empresas rexistradas. Todas aquelas que non o estean, ou que si formen parte pero queiran actualizar algún dato de relevancia, poderán comunicalo ao equipo de desenvolvemento do aplicativo durante as vindeiras semanas. 

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.