As parroquias de Lañas e Cabanas contan xa cunha mellora substancial nas súas comunicacións grazas á entrada en servizo da nova torre de telecomunicacións instalada por Retegal, que permite ofrecer cobertura móbil de voz e datos 5G en zonas que ata o de agora presentaban importantes carencias neste ámbito.
A instalación, que xa se atopa plenamente operativa tras superar o correspondente período de probas, presta servizo a través da rede de Vodafone e de todas aquelas compañías que empregan esta infraestrutura para a prestación dos seus servizos.
Este despregamento supón un avance moi significativo para a veciñanza das parroquias de Lañas e Cabanas, ao posibilitar por primeira vez o acceso a servizos de comunicación móbil e internet de alta velocidade en condicións equiparables ás das contornas urbanas, tanto no interior como no exterior dos fogares.
A posta en funcionamento desta infraestrutura dá resposta a unha demanda histórica da veciñanza e contribúe a reducir a fenda dixital existente entre o rural e os núcleos urbanos. A nova cobertura permitirá acceder con maiores garantías a servizos dixitais, realizar trámites electrónicos, facilitar o teletraballo, a formación en liña e mellorar as comunicacións persoais e profesionais da poboación residente.
Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para mellorar a cobertura móbil no rural galego, ao que está adherido o Concello da Baña.
Xestións para ampliar os servizos dispoñibles
Co obxectivo de acelerar a chegada deste servizo, o goberno municipal realizou diversas xestións ante Amtega para trasladar a necesidade de actuar nas zonas con maiores déficits de cobertura do municipio. Entre elas figurou a reunión mantida polo alcalde da Baña, José Antonio Pereira, e o concelleiro de Obras, Urbanismo e Medio Rural, Jesús Pena, co director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, para abordar a situación das parroquias de Lañas, Cabanas e A Riba.
O Concello da Baña colaborou activamente no desenvolvemento do proxecto mediante a identificación das zonas afectadas e a posta á disposición dos terreos e infraestruturas necesarias para facer posible o despregamento da rede.
Ademais, desde a administración local xa se solicitaron as actuacións necesarias para que outras operadoras de telefonía móbil poidan prestar servizo a través desta nova instalación, ampliando así as alternativas dispoñibles para a veciñanza e aproveitando ao máximo as capacidades da infraestrutura recentemente posta en funcionamento.
A mellora das telecomunicacións constitúe un elemento fundamental para reforzar a competitividade do rural, favorecer a fixación de poboación e garantir a igualdade de oportunidades entre toda a cidadanía.



