Arzúa ten todo preparado para celebrar este sábado, 27 de xuño, a homenaxe a Xulio Vázquez Carril, “O Gaiteiro de San Miguel”, nun acto público no que a Casa da Cultura pasará a levar oficialmente o seu nome.
A cita será ás 12:00 horas, na propia Casa da Cultura, e estará aberta á veciñanza. A homenaxe contará cunha parte musical en memoria de Xulio Vázquez Carril e rematará coa descuberta dunha placa conmemorativa coa que o edificio quedará vencellado a un dos nomes máis singulares da tradición gaiteira arzuá.
Coa denominación da Casa da Cultura, Arzúa recoñece unha figura ligada á música tradicional, á transmisión oral e á memoria popular do municipio. A homenaxe quere poñer en valor non só a traxectoria musical do gaiteiro, senón a súa figura como veciño de Arzúa que colaborou a manter viva a cultura do país desde as parroquias, as festas e os espazos comunitarios.
No acto participarán representantes municipais, familiares de Xulio Vázquez Carril e Carlos Rodríguez Osorio, catedrático e compañeiro de Xulio no grupo Os Gaiteiros de San Miguel.
Desde o Concello de Arzúa convídase á veciñanza a participar neste acto de homenaxe, así como aos medios de comunicación a darlle cobertura.
“O Gaiteiro de San Miguel”
Xulio Vázquez Carril, coñecido como “O Gaiteiro de San Miguel”, foi un gaiteiro arzuán vencellado á contorna de San Miguel, na parroquia de Maroxo.
Comezou a tocar desde moi novo, aprendendo de oído, como facían moitos gaiteiros populares da súa xeración. Antes de ter instrumento propio, iniciou a súa aprendizaxe coas pallas de centeo. A primeira gaita regaloulla Basilio Carril, seu curmán, un dos nomes de referencia da gaita e da artesanía musical galega do século XX.
A vida afastouno da música durante décadas, ata que coa xubilación recuperou a gaita e regresou ás foliadas.
No ano 2003, Carlos Rodríguez Osorio, Manuel Noia e Xosé Tuñas achegáronse a el interesados en aprender dun gaiteiro veterano. Daquel encontro naceu unha relación musical e persoal que devolveu a Xulio ás foliadas e deu lugar ao grupo Os Gaiteiros de San Miguel, chamado así polo lugar no que vivía.
Xulio foi tamén un dos transmisores do chamado toque “ao pechado”, unha maneira de tocar propia da zona que espertou o interese de mestres e músicos de diferentes puntos de Galicia.




