O BNG de Cabanas valora positivamente a posta en funcionamento das actuacións de mellora ambiental, accesibilidade e dixitalización executadas no Piñeiral da Madalena e a súa contorna. Trátase dun proxecto estratéxico cun investimento próximo ao medio millón de euros que permitirá mellorar a conservación dun dos espazos naturais máis emblemáticos do concello e reforzar a súa capacidade como recurso ambiental, social e turístico.
A formación nacionalista lembra que esta actuación foi integramente concibida, planificada, tramitada e financiada durante o anterior mandato municipal. Foi nese período cando se identificaron as necesidades do espazo, se encargou a redacción técnica do proxecto e se conseguiu o financiamento a través dos fondos do Convenio de Transición Xusta.
Para o BNG, o desenvolvemento destas melloras permite constatar unha realidade evidente: os poucos proxectos transformadores que están chegando a Cabanas neste mandato teñen a súa orixe no traballo desenvolvido durante o anterior goberno. Ademais da actuación no Piñeiral da Madalena, iniciativas como o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino das Fragas do Eume, a posta en valor do patrimonio natural e cultural ou os investimentos vinculados á modernización da oferta turística foron deseñados e deixados en marcha antes da chegada do PP á alcaldía.
“Os feitos falan por si sós. Tres anos despois do cambio de goberno, os investimentos máis importantes que ve a veciñanza continúan sendo proxectos que quedaron preparados, financiados e listos para executar durante o anterior mandato. Iso demostra quen tiña unha idea clara de futuro para Cabanas e quen se limitou a vivir da herdanza recibida”, sinala a viceportavoz municipal do BNG, Paula González, que substitúe nestas semanas a Iago Varela, de permiso por paternidade.




