PUBLICIDADE

Pérez Barral critica que o apeadoiro de autobuses de Ribeira leve máis de medio ano pechado

PorBisbarra

Xoves, 25 Xuño 2026 , ,
Pérez Barral critica que o apeadoiro de autobuses de Ribeira leve máis de medio ano pechado sen prestar servizo ás persoas usuarias

O BNG vén de presentar unha iniciativa ao vindeiro pleno para reclamar a apertura inmediata do apeadoiro de autobuses de Ribeira, pechado desde hai xa varios meses, “unha situación que está a provocar importantes prexuízos ás persoas usuarias do transporte público e a condutores de buses”, din.

O voceiro municipal do BNG, Luís Pérez Barral, compareceu para dar conta desta iniciativa acompañado das concelleiras Cruz Rivadulla e Antía Alberte, e explicou que a proposta nace “logo de que varias persoas usuarias se puxeran en contacto co BNG para trasladarnos o seu malestar e denunciar unha situación inaceptable nun servizo básico para a veciñanza”.

Pérez Barral denunciou que “é incomprensible que Ribeira leve máis de medio ano cun apeadoiro de autobuses pechado, impedindo o uso dos baños públicos e deixando ás persoas usuarias sen un espazo cuberto no que agardar polo autobús”. Neste sentido, advertiu de que o peche das instalacións “castiga especialmente a quen emprega o transporte público a diario, obrigándoas a esperar á intemperie, sen resgardo fronte á chuvia, o vento ou o frío”. Isto contrasta co amplo horario que a instalación tiña cando o BNG gobernaba, pois abríase de 8:00 a 23:00 horas.

PUBLICIDADE

O portavoz nacionalista lembrou que o transporte público “non debe ser un servizo de segunda, senón que é unha prestación esencial que debe ofrecerse en condicións dignas e cun mínimo de calidade”. Así, cargou contra o Partido Popular por “demostrar con feitos que o transporte público non está entre as súas prioridades”, ao non actuar fronte aos reiterados incumprimentos das empresas concesionarias, con horarios que non se respectan, servizos que directamente non pasan e incidencias constantes sen consecuencia ningunha. “O PP non só mira para outro lado ante estes incumprimentos, senón que agora suma un novo episodio de abandono mantendo pechado o apeadoiro e deixando ás persoas usuarias sen baños nin un espazo no que resgardarse”, advertiu Pérez Barral.

Desde o BNG tamén poñen o foco no custo económico que esta situación supón para o Concello. “Estamos ante unha situación absurda: o Concello de Ribeira gastou preto de 300.000€ nas obras do apeadoiro e cuberta de buses e, ademais, desembolsa 70.000 euros anuais á Xunta de Galiza para bonificar o transporte ás persoas usuarias. Non ten ningún sentido que, mentres se pagan estes importes con cartos públicos, as instalacións permanezan pechadas e sen prestar os servizos para os que foron concibidas”, sinalou Pérez Barral.

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.