O Partido Popular de Arzúa denunciou hoxe a situación da Biblioteca Municipal, que considera unha “mostra máis do abandono do Concello e da falta de xestión do goberno tripartito que dirixe Xoán Xesús Carril”.
Os populares critican que, “en plena época de exames universitarios e de oposicións, a biblioteca non estea a ofrecer un servizo acorde ás necesidades dos usuarios. O pasado 19 de xuño as instalacións non puideron ser utilizadas polos seus usuarios habituais ao ser destinadas á realización dun proceso selectivo para unha praza de emprego público. Ademais, este martes 23 de xuño, pese a tratarse dun día laborable, a biblioteca permaneceu pechada”.
Desde o PP lembran que o horario actual “xa resulta insuficiente para moitos estudantes, limitándose de luns a venres de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados unicamente de 10:00 a 13:00 horas”.
O portavoz popular, Rafael Rivadulla, considera que “é incomprensible que nun momento no que moitos mozos e veciños preparan exames universitarios, oposicións ou probas de acceso, o Concello non sexa capaz de garantir un servizo estable e adaptado ás súas necesidades”.




