O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou “un Santiago que acompañe ás persoas”, despois de presentar un paquete de medidas dirixidas á veciñanza santiaguesa, co fin de mellorar a conciliación, ampliar as oportunidades educativas e reforzar o acompañamento ás familias.
“Levamos semanas falando dunha idea moi simple: construír un Santiago que pense máis nas familias e na vida real da xente”, explicou Verea, quen destacou que “todas as propostas presentadas responden a un mesmo obxectivo: facer máis doado o día a día dos fogares composteláns”.
Borja Verea remarcou que “todas estas iniciativas forman parte dunha mesma visión de cidade, centrada na conciliación, nas oportunidades educativas, no apoio ás familias e na mellora da calidade de vida”.
“O noso obxectivo -indicou- é construír un Santiago que acompañe mellor ás familias, que entenda a súa realidade e que estea ao seu lado tanto nos grandes proxectos como nos pequenos desafíos diarios, porque unha cidade que pensa nas familias é unha cidade mellor para todos”.
Entre as medidas anunciadas polo popular figuran a organización municipal das actividades extraescolares; a creación da Parada Familiar; a Bolsa Familiar Zona Azul; un programa de inmersión lingüística de tres semanas en Irlanda, para alumnado de 3º da ESO; unha nova rede de campamentos de verán para descubrir Galicia; un Servizo Municipal de Canguraxe; a Casa das Familias e, tamén, a posta en marcha dunha rede de cociñas propias nos colexios”.
Unha das propostas presentada polo popular contempla unha primeira fase para dotar de cociñas propias aos colexios Mestre Rodríguez Xixirei, Ramón Cabanillas e Lamas de Abade, “permitindo que máis de 500 nenos e nenas poidan acceder a comida elaborada no propio centro educativo”.
O líder popular defendeu un modelo baseado na proximidade, na confianza das familias e na mellora da calidade do servizo. “Hai unha diferenza importante entre transportar comida nunha furgoneta e cociñar no propio colexio e dita diferenza ten que ver coa proximidade, coa confianza e coa calidade do servizo”. Verea destacou ademais que se trata dunha proposta construída a partir dos informes técnicos municipais e asegurou que constitúe o inicio dun proceso de ampliación progresiva ao resto dos centros educativos da cidade.
Dentro deste paquete de medidas, Borja Verea tamén propuxo a creación da Casa das Familias, o que sería o primeiro Centro de Apoio ás Familias de titularidade municipal de Galicia. Este recurso ofrecería acompañamento emocional, mediación familiar, orientación profesional, atención específica á adolescencia e actividades formativas sobre crianza, convivencia, comunicación ou uso responsable das novas tecnoloxías.
“Trátase dun servizo aberto a todas as familias compostelás -explicou- e non só para situacións excepcionais, porque pedir apoio non debería verse como algo extraordinario, debe ser algo normal”.
Outra das propostas destacadas é a creación dun Servizo Municipal de Canguraxe para atender situacións puntuais que dificultan a conciliación familiar. “Estaría pensado para dar resposta a imprevistos como entrevistas de traballo, citas médicas urxentes, reunións inesperadas ou problemas familiares, ofrecendo atención profesional e flexible, incluso no propio domicilio cando sexa necesario”, subliñou.
Borja Verea defendeu, ademais, a necesidade de ampliar as oportunidades educativas e persoais da mocidade compostelá, apostando por un programa municipal que permita ao alumnado de 3º da ESO pasar tres semanas en Irlanda durante o verán para mellorar o inglés, convivir con familias nativas e adquirir novas experiencias, xa que o acceso a este tipo de iniciativas non debe depender da situación económica das familias, polo que propón que o Concello financie o programa, co fin de garantir a participación de todos os estudantes que cumpran os requisitos establecidos.
Engadiu tamén unha ampliación sen precedentes da oferta municipal de campamentos de verán, “pasando do actual modelo a unha rede de entre nove e once campamentos repartidos por Galicia e con capacidade para arredor de 350 rapaces”, aclarou. A iniciativa incluiría actividades relacionadas co deporte, a natureza, a tecnoloxía, a cultura e a innovación, co obxectivo de ofrecer novas experiencias aos máis novos e facilitar a conciliación das familias durante os meses de verán.
Verea destacou dúas medidas pensadas para facilitar o día a día das familias compostelás: a creación da Parada Familiar, un sistema de estacionamento rápido preto de colexios, escolas infantís, centros de saúde e farmacias, e dunha Bolsa Familiar da Zona Azul, para reducir o tempo e as dificultades que afrontan moitos pais e nais nas súas xestións.
O líder popular asegurou que “estas iniciativas buscan construír unha cidade máis amable e adaptada á realidade das familias, aforrándolles tempo e eliminando pequenos obstáculos que condicionan a súa vida diaria”.
Finalmente, Verea reivindicou “a necesidade de impulsar políticas públicas baseadas en datos, informes e propostas viables” e asegurou que “este paquete de medidas permite situar no centro do debate cuestións tan relevantes como a conciliación, a educación, o acompañamento ás familias e a alimentación escolar”.



