PUBLICIDADE

Ortigueira crea un cheque bebé de 500 euros

PorBisbarra

Xoves, 25 Xuño 2026 , , ,
As familias de Ortigueira cun nacido, adoptado ou en acollida no 2025 poden optar ás axudas.As familias de Ortigueira cun nacido, adoptado ou en acollida no 2025 poden optar ás axudas.

O Concello de Ortigueira deu luz verde á convocatoria de axudas económicas destinadas ao fomento da natalidade e o asentamento de novos residentes. Esta iniciativa contempla una dotación de 500 euros por cada menor nado, adoptado ou en situación de acollida familiar durante o 2025. O obxectivo principal é aliviar a carga económica inicial que supoñen estas situacións para as familias. Non obstante, tamén busca rexuvenecer o padrón municipal e combatir a perda de poboación no rural.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel Rego, destacou a importancia desta medida como ferramenta estratéxica para o futuro da localidade. Segundo explicou, o Goberno local é consciente dos retos demográficos que afronta o municipio. Por iso decidiron “apostar por incentivos directos que faciliten a chegada de novos veciños”.

Rego sinala que con este apoio pretenden que “as familias sentan o respaldo da administración local nunha etapa de tantos gastos, reforzando a idea de que Ortigueira é un lugar con servizos e calidade de vida para ver crecer aos fillos”. Así mesmo, a edil subliña que estas axudas son unha “invitación clara para que a mocidade aposte por quedarse na súa terra e desenvolva aquí o seu proxecto de vida”.

PUBLICIDADE

Para esta anualidade, o Concello reservou unha partida orzamentaria de 12.000 euros, coa posibilidade de ser ampliada se a demanda o require. As axudas concederanse por orde de chegada das solicitudes que cumpran todos los requisitos, ata esgotar os fondos dispoñibles. Nesta ocasión, a convocatoria cubre os nacementos, adopcións ou acollidas que tiveran lugar entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2025.

No tocante aos requisitos, é indispensable que polo menos un dos proxenitores ou titores legais estea empadroado en Ortigueira no momento de realizar a solicitude, igual que o menor. Un dos puntos clave das bases é o compromiso de permanencia, xa que os beneficiarios deben manter a súa residencia efectiva no municipio durante un periodo mínimo de dous anos tras a inscrición do neno ou nena no padrón.

O importe recibido deberá xustificarse mediante facturas de gastos relacionados directamente coas necesidades básicas do menor. Entre os conceptos subvencionables inclúense produtos de hixiene e coidado como cueiros ou cremas, alimentación infantil, roupa e calzado, así como artigos como berces, carros de paseo ou sistemas de retención infantil para vehículos. Tamén se poderán incluír gastos farmacéuticos e sanitarios vencellados á saúde da crianza.

As familias interesadas dispoñen dun prazo dun mes para presentar as solicitudes, contado a partir do 26 de xuño. Poderán realizar o trámite no Rexistro ou a través da sede electrónica municipal.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.