O Concello de Arzúa presenta unha nova edición dos Seráns en Ribadiso, un ciclo de actividades culturais ao aire libre que arrancará o venres 10 de xullo e se desenvolverá durante os meses de xullo, agosto e setembro na área recreativa de Ribadiso.
O ciclo chega este ano á súa III edición, consolidándose como unha proposta cultural de verán arredor dun dos espazos naturais máis emblemáticos do municipio. A programación inclúe oito citas gratuítas dirixidas a público familiar e adulto, con propostas musicais, escénicas, humorísticas e de narración oral.
Esta nova edición reforza a aposta do Concello de Arzúa por consolidar Ribadiso como un espazo de encontro, convivencia e lecer compartido, dando continuidade a un proxecto que nos últimos anos contribuíu a recuperar a actividade neste enclave do municipio.
O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou que “Ribadiso segue medrando e consolidándose como un dos grandes espazos de encontro e convivencia do noso concello”. Nese sentido, sinalou que “cada nova edición dos Seráns confirma o éxito dun proxecto que recuperou un espazo emblemático e o converteu nun lugar dinámico, participativo e aberto á veciñanza e ás persoas que nos visitan”.
Carril tamén puxo en valor a continuidade do traballo municipal na contorna: “Seguimos traballando para mellorar as instalacións, ampliar as posibilidades do recinto e avanzar nos proxectos pendentes. Queremos un Ribadiso cada vez máis vivo, máis atractivo e preparado para seguir sendo un orgullo compartido por toda a veciñanza”.
A programación comezará o venres 10 de xullo, ás 18:00 horas, coa proposta familiar de Pablo Díaz, titulada Contando números, cantando cores. O domingo 19 de xullo, dentro da programación vinculada ás Festas do Carme, será a quenda de Uxía Lambona e a Banda Molona, ás 19:00 horas, e da sesión musical de Pájara Boba, ás 20:00 horas.
O mes de xullo pecharase o venres 31, ás 18:00 horas, co espectáculo Barriga Verde, de Títeres Alakrán. Xa en agosto, o ciclo continuará o venres 14, ás 18:00 horas, con A Cova das Letras – Cris Collazo e o espectáculo Costureiriña bonita. O sábado 22 de agosto, ás 20:00 horas, o humorista arzuán Xan Veiga presentará Que anos aqueles. O mes completarase o venres 28 de agosto, ás 18:00 horas, con Títeres Alakrán e Pequeno kabaret de tolos.
A programación rematará o sábado 5 de setembro, ás 20:00 horas, co concerto das Pandeireteiras de Montefurado.
Todos os eventos serán gratuítos e desenvolveranse ao aire libre na área recreativa de Ribadiso. Desde o Concello de Arzúa anímase á veciñanza a achegarse a Ribadiso e participar nesta nova edición dos Seráns, unha programación pensada para gozar do verán nun dos espazos máis especiais do municipio.



