PUBLICIDADE

A Andaina por Parellas de Rois será o 26 de setembro tras suspenderse pola alerta de altas temperaturas este xullo

Varios andariegos durante a pasada edición da Andaina por Parellas do Concello de RoisVarios andariegos durante a pasada edición da Andaina por Parellas do Concello de Rois

A organización da Andaina por Parellas informa de que as persoas que formalizaron a súa inscrición para a data inicialmente prevista manterán automaticamente a súa praza

A Andaina por Parellas de Rois, que tivo que ser aprazada a comezos do mes de xullo debido á alerta por altas temperaturas seguindo as recomendacións da Consellería de Sanidade e da Secretaría Xeral para o Deporte, xa ten nova data de celebración da súa décimo oitava edición, será o vindeiro sábado 26 de setembro.

O Concello de Rois e o Colectivo Remonte informan de que as persoas que formalizaron a súa inscrición para a data inicialmente prevista manterán automaticamente a súa praza, sen necesidade de realizar ningún trámite adicional. No caso de que algunha das persoas inscritas non poida participar na nova data, a organización permitirá a súa substitución por outra. Ademais, o 26 de agosto abrirase un segundo prazo de inscrición, no que se facilitará toda a información necesaria para cubrir as prazas que poidan quedar dispoñibles.

A Andaina por Parellas de Rois é unha proposta deportiva e de lecer xa consolidada no calendario do municipio que combina actividade física, convivencia e o descubrimento da riqueza natural e paisaxística do concello. A proba consistirá nun percorrido circular de aproximadamente 15 quilómetros, cun nivel de dificultade baixo para favorecer a participación de persoas de diferentes idades e condición física.

PUBLICIDADE

Saída da Andaina ás 16:30 horas desde o polideportivo de Rois

A saída terá lugar ás 16:30 horas desde o polideportivo municipal de Rois, punto no que tamén estará situada a meta. O itinerario discorrerá por distintos núcleos e espazos do municipio, entre eles Rois, Penicias, O Foxo, Infesta, Os Dices, A Pontenova, Cornes, A Peruca, A Peroxa, Lamego, Seira, a Capela do Socorro e Oín.

A organización lembra que os menores de 14 anos deberán participar acompañados por unha persoa adulta e que a recollida de dorsais se realizará o propio día da proba, entre as 15:15 e as 16:15 horas. A XVIII Andaina por Parellas está organizada polo Concello de Rois, en colaboración co Colectivo Remonte, a Deputación da Coruña e Protección Civil.

As persoas interesadas poden obter máis información no departamento de Deportes do Multiúsos de Rois, no teléfono 981 816 061 ou contactando co Colectivo Remonte no 630 708 485.

O Concello de Rois e o Colectivo Remonte agradecen a comprensión das persoas participantes polo aprazamento da actividade, motivado exclusivamente pola necesidade de garantir a seguridade de todas elas ante as condicións meteorolóxicas extremas rexistradas o pasado sábado 4 de xullo, e anímanas a participar nesta nova convocatoria.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.