PUBLICIDADE

Borja Verea propón que o Concello dedique a praza da rúa da Espiñeira a Julio Ferreiro, recentemente falecido

Mural do artista recentemente falecido Julio Ferreiro que coas súas intervencións deulle unha nova vida a moitos espazos da cidadeMural do artista recentemente falecido Julio Ferreiro que coas súas intervencións deulle unha nova vida a moitos espazos da cidade

Borja Verea lembra a fonda pegada que deixou o artista Ferreiro na cidade coas súas intervencións convertendo espazos deteriorados en lugares con identidade, beleza e vida, principalmente no barrio de Santa Marta

Borja Verea, líder do Partido Popular de Santiago, propuxo onte que o Concello dedique a praza da rúa da Espiñeira á memoria de Julio Ferreiro, falecido hai uns días, como recoñecemento permanente á súa extraordinaria contribución artística e humana á cidade.

Verea lembrou que Julio Ferreiro deixou unha fonda pegada en Santiago grazas ás súas intervencións artísticas, coas que foi quen de recuperar e dignificar distintos espazos urbanos que se atopaban deteriorados, transformándoos en lugares con identidade, beleza e vida. Fíxoo, ademais, de maneira totalmente altruísta, poñendo sempre o seu talento ao servizo da cidade.

Julio Ferreiro tiña unha mirada especial. Onde outros vían abandono, el vía unha oportunidade para crear. Onde había paredes grises ou espazos esquecidos, el vía unha ocasión para devolverlles vida, cor e esperanza. Ese é un legado que Santiago ten a obriga de conservar” (Borja Verea, líder do PP en Santiago)

O líder popular considera que a rúa da Espiñeira, a súa praciña, un dos lugares máis estreitamente vinculados á súa obra e á súa creatividade, é o espazo idóneo para renderlle unha homenaxe permanente. “Merecía este recoñecemento en vida. Xa non chegamos a tempo, pero si estamos a
tempo de que Santiago lle devolva unha pequena parte de todo o que el lle deu á cidade. Que a praciña da rúa da Espiñeira leve o seu nome sería un xesto de gratitude, de memoria e de xustiza con alguén que fixo mellor Santiago co seu talento e coa súa xenerosidade”, afirmou Verea.

PUBLICIDADE

Por todo iso, o Partido Popular solicitará ao Concello de Santiago que inicie os trámites necesarios para que a praza da rúa da Espiñeira pase a denominarse praza do artista Julio Ferreiro, como homenaxe permanente a un creador que deixou unha pegada imborrable na cidade e no corazón de moitos composteláns. “Os artistas pasan, pero as cidades teñen a responsabilidade de coidar a súa memoria. A mellor maneira de facelo é que o nome de Julio Ferreiro permaneza para sempre no lugar ao que tanto lle deu”, concluíu Verea.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.