A 25ª Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar contará cuns pregoeiros de luxo: os integrantes do equipo do Concello que proclamáronse campións de Europa de fútbol gaélico as dúas últimas tempadas
A Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e que organiza o Concello do Pino os días 1 e 2 de agosto, celebra este ano as súas vodas de prata.
Unha edición moi significativa que contará cuns pregoeiros de luxo, os integrantes do equipo do municipio de fútbol gaélico que se proclamaron campións de Europa nos dous últimos anos de forma consecutiva. Ademais, esta 25ª edición da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar tamén terá un peche á altura da efeméride: o espectáculo ecuestre Sin Límites, a cargo de Santí Serra Camps.
Vinte e cinco anos despois da súa creación, a festa consolídase como un referente na promoción dos galos e galiñas de raza piñeira, do mundo ecuestre, da artesanía e das tradicións galegas, cun programa pensado para todas as idades e que combina espectáculos de primeiro nivel, gastronomía, cultura e actividades familiares.
A programación arrancará o sábado 1 de agosto ás 22:00 horas co espectáculo Quimera, da compañía Pablo Méndez Performance. Unha proposta de grande impacto visual que mestura malabares, acrobacias aéreas e maxia para transmitir unha mensaxe de sensibilización sobre a importancia de preservar os bosques e as fragas.
O domingo 2 de agosto será o día grande da celebración. Desde primeira hora abrirán a XXV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira Vivas e a Mostra Cabalar, dous dos piares desta celebración. A feira avícola volverá reunir exemplares desta raza autóctona tan ligada á identidade do municipio, mentres que a mostra ecuestre contará cos mellores cabalos da comarca e manterá máis de 4.200 euros en premios, incluídos os galardóns especiais aos mellores movementos de Pura Raza Española (P.R.E.) e o Premio Especial Faísca ao mellor exemplar de P.R.E. nado e criado en Galicia.
A Festa do Galo Piñeiro acolle a VI edición de Artesanía no Camiño
Ao longo da mañá do domingo celebrarase tamén a VI edición de Artesanía no Camiño, con postos de artesás e de artesáns chegados de toda Galicia, demostracións de oficios tradicionais (talla de madeira, encaixe de bolillos, torneado ou elaboración de pezas de feltro…) e obradoiros participativos.
Como complemento, desenvolveranse durante toda a xornada exhibicións de voo de aves rapaces e animacións de rúa, ademais de contar cunha ampla zona infantil con xogos e espectáculos para a cativada.
A programación complétase coa II Concentración de Coches Clásicos e Históricos, que volverá reunir vehículos emblemáticos e atraer afeccionados de distintos puntos da comunidade autónoma. Á unha da tarde celebrarase a tradicional degustación gratuíta de galo, seguida da entrega dos premios da feira avícola.
Tras o pregón, a cargo da rapazada do Concello campiona de Europa de fútbol gaélico nas dúas últimas tempadas terá lugar o tradicional xantar popular baixo a carpa instalada xunto á praza de Forcarei, para a que se poden retirar as entradas nos establecementos hostaleiros do municipio.
Pola tarde, retomaranse as probas da Mostra Cabalar, coa carreira de trotóns, a exhibición de enganche, a proba de arrastre e a entrega dos premios aos mellores exemplares. Como broche de ouro ás vodas de prata da festa, ás 20:30 horas presentarase Sin Límites, o espectáculo do prestixioso adestrador Santí Serra Camps, coñecido internacionalmente como o susurrador de cabalos. A súa doma en liberdade, baseada na confianza e na conexión cos animais, promete converterse nun dos momentos máis emotivos e espectaculares desta edición.
O Concello do Pino anima a veciñanza e as persoas visitantes a participar nesta edición tan especial da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar. Unha celebración que, vinte e cinco anos despois do seu nacemento, continúa medrando sen perder a súa esencia: poñer en valor o patrimonio rural, a gastronomía, a cultura e a hospitalidade que distinguen o municipio.



