PUBLICIDADE

O IX Trail da Baña, o 27 de setembro, incorpórase á Serie Ouro da FGA

Presentación do IX Trail da Baña que este ano incorpórase á Serie Ouro do Galego de Montaña da FGAPresentación do IX Trail da Baña que este ano incorpórase á Serie Ouro do Galego de Montaña da FGA

O IX Trail da Baña, organizado polo Concello, vén de presentar a súa nova edición que se disputará o vindeiro 27 de setembro e que este ano acada un novo fito ao incorporarse á Serie Ouro da Federación Galega de Atletismo (FGA), a máxima categoría do calendario galego de trail running. A proba, que contará con trail longo de 28 quilómetros, medio de 16, curto de 8 e andaina de 8 km., continúa así consolidándose como unha das citas de referencia da montaña en Galicia.

A incorporación á Serie Ouro permitirá que os resultados acadados polos deportistas multipliquen por cinco a puntuación para o ranking da Federación Galega de Atletismo, un aspecto determinante de cara á confección da Selección Galega de Trail Running. Ademais, o Trail da Baña será unha das catro únicas probas da Serie Ouro que puntuarán para o Ranking Anual de Clubs, tanto na distancia longa como na modalidade promocional de oito quilómetros.

Na presentación desta nova edición participaron a concelleira de Deportes, Ana Pensado; o delegado de Trail Running da FGA, Iván Sangiao; e Borja Collar, representante do club BJ Trainers, que colabora co Concello na organización da proba, e o técnico municipal de deportes e coordinador do trail, Adrián Vázquez. Os catro resaltaron o crecemento experimentado pola competición e a importancia que supón este novo recoñecemento para o municipio.

PUBLICIDADE

A concelleira de Deportes da Baña, Ana Pensado, destacou que “a entrada na Serie Ouro é un recoñecemento ao traballo realizado durante todos estes anos por parte da organización, do voluntariado e de todas as persoas que fan posible esta proba. Queremos seguir medrando sen perder a nosa identidade e mantendo o equilibrio entre deporte, natureza e promoción do noso territorio”.

Pola súa banda, Iván Sangiao salientou que “o Trail da Baña reúne todos os requisitos que busca a Federación para formar parte da Serie Ouro: unha excelente organización, percorridos de calidade e un firme compromiso coa sustentabilidade e co desenvolvemento do trail running en Galicia”.

Trail da Baña, catro modalidades para todos os niveis

A novena edición do Trail da Baña manterá unha oferta adaptada a diferentes perfís de participantes, ao contar co trail longo de 28 quilómetros (no que se admiten un máximo de 200 atletas), o trail medio de 18 km e un máximo de 200 prazas; o trail curto de 8 km e unha andaina non competitiva  de 8 quilómetros.

As inscricións xa están abertas na plataforma Carreiras Galegas. O prezo é de 15 euros para o trail longo e de 12 euros para medio, mentres que a participación no trail curto e na andaina será gratuíta. Todas as persoas inscritas recibirán un obsequio conmemorativo e contarán cun avituallamento final ao remate da proba.

O Trail da Baña chega a esta novena edición tras bater en 2025 o seu récord de participación, con máis de 300 deportistas, e despois de reunir a algúns dos mellores especialistas do trail galego. Na pasada edición impuxéronse Andrés Flórez e Tamara García na proba raíña.

Nos últimos anos, a cita non deixou de sumar recoñecementos. En 2024 foi incorporada oficialmente ás Galicia Trail Running Series da Federación Galega de Atletismo e, no mes de xaneiro pasado, recibiu na II Gala do Trail Running do Atletismo Galego o Premio á Mellor Xestión Ambiental de 2025, unha distinción que pon en valor o compromiso do Concello da Baña e da organización coa sustentabilidade, o respecto polo medio natural e a organización responsable.

Coa súa incorporación á Serie Ouro, o Concello da Baña reforza a súa aposta por converter o Trail da Baña nun referente do calendario deportivo galego, combinando competición, promoción do territorio e posta en valor da riqueza paisaxística e natural do municipio.

Na plataforma web de Carreiras Galegas poden formalizarse as inscricións e tamén, nesta ligazón consultarse o regulamento completo da proba. 

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.