PUBLICIDADE

San Sadurniño inviste 20.000 euros en mantemento do CPI

PorBisbarra

Venres, 4 Setembro 2026 , ,
San Sadurniño instalou tarima flotante nas aulas de Infantil, entre outras melloras.San Sadurniño instalou tarima flotante nas aulas de Infantil, entre outras melloras.

O Concello de San Sadurniño ultima os traballos de mantemento e mellora nos dous edificios do CPI. O obxectivo é que o luns as instalacións estean a punto para o inicio do novo curso escolar. As actuacións supoñen un investimento próximo aos 20.000 euros. Inclúen o pintado de catro aulas, a colocación de tarima noutras dúas, reparacións no sistema de calefacción e unha limpeza xeral do exterior.

A intervención foi precedida pola retirada de mobiliario e outro equipamento en desuso no mes de xullo. Nos últimos días, pintáronse as catro aulas e, no caso das de Infantil, instalouse tarima flotante. Ademais tamén se repararon varios radiadores e fíxose unha limpeza xeral exterior das dependencias educativas.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia investiu neste CPI máis de 47.000 euros este verán. Máis en concreto, destináronse á compra de equipamento docente, a reparacións da envolvente e á cuberta do ximnasio.

PUBLICIDADE

Porén, o alcalde, Secundino García Casal, considera especialmente necesaria unha intervención de maior alcance no edificio de Primaria. Neste sentido, salienta que “require unha grande obra integral para cambiarlle o tellado, atallar o problema das humidades, mellorar a súa eficiencia enerxética e dotar o edificio dun ascensor que asegure a accesibilidade aos andares superiores”.

O alcalde de San Sadurniño salientou a prioridade de que alumnado e profesorado dispoñan de instalacións “en boas condicións”. Neste sentido, cuestionou que sexa a administración local quen asuma boa parte do custe da intervención. “É un importe que damos por ben investido, porque se van beneficiar o profesorado e as nosas nenas e nenos”. Non obstante, o rexedor insistiu en que “o elevado custe de conservación dos edificios educativos” debería ser asumido pola administración autonómica.

San Sadurniño convoca 25.000 euros en axudas para gastos de estudo

O Concello de San Sadurniño tamén puxo en marcha a convocatoria anual de axudas para gastos de estudo. As achegas contan cunha dotación económica de 25.000 euros.

Distribuiranse en 1.500 para o segundo ciclo de Educación Infantil (ata 100 euros de axuda por nena ou neno), 10.750 euros para os ciclos de ensino obrigatorio (ata 200 euros por bolsa) e 12.350 euros para bacharelato, ciclos formativos ou estudos universitarios (máximo 800 euros por persoa beneficiaria). Os 400 euros restantes cubrirán situacións especiais, previo informe dos Servizos Sociais.

As axudas poden solicitarse até o 30 de setembro no Rexistro Municipal ou a través da Sede Electrónica.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.