A Xunta de Goberno Local vén de aprobar, o expediente de licitación das obras de mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros, situado na localidade do Milladoiro. O orzamento base de licitación ascende a 299.908,06 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2026, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das infraestruturas municipais. O proxecto de actuación contempla unha intervención integral orientada ao redeseño e á mellora global deste espazo público, co obxectivo de potenciar tanto a súa funcionalidade como o seu valor estético e ofrecer á veciñanza un lugar máis atractivo, seguro e confortable para o lecer e a convivencia.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas municipais. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros, situado na localidade do Milladoiro. O orzamento base de licitación ascende a 299.908,06 euros (IVE incluído). Esta actuación está encadrada no plan principal de obras POS+ 2026 (Achega 2025 e Achega 2026), dotado de 1.548.543,37 euros para sufragar seis proxectos e gasto corrente.
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “o proxecto contempla a instalación de novos xogos infantís inclusivos, que permitan diversificar as posibilidades de lecer e ampliar o rango de idades ao que vai dirixido o parque. Entre eles incluirase un elemento de maiores dimensións pensado para nenas e nenos de máis idade, reforzando así o carácter inclusivo e familiar do parque. Este é un modelo de parque pensado para a inclusión e convivencia de rapazada dun amplo rango de idades e diferentes capacidades”.




