PUBLICIDADE

Boimorto mellora os servizos públicos coa súa primeira RPT e un convenio colectivo propio

• A reforma conta co respaldo unánime de todas as organizacións sindicais presentes na negociación, CIG, UGT, CCOO e CSIF, e cos informes favorables de Secretaría e Intervención.

O Concello de Boimorto vén de dar un paso histórico na modernización da administración municipal e no fortalecemento dos servizos públicos coa aprobación inicial da súa primeira Relación de Postos de Traballo (RPT) e a ratificación do primeiro convenio colectivo propio para o persoal municipal.

Trátase de dous instrumentos fundamentais que permitirán reorganizar os recursos humanos do Concello, mellorar as condicións laborais dos traballadores e traballadoras municipais e, sobre todo, reforzar a calidade da atención que recibe a veciñanza, cunha aposta especialmente importante polos servizos sociais.

A RPT saíu adiante grazas aos votos a favor do Partido Popular, o PSOE abstívose e o BNG votou en contra. No caso do convenio colectivo, PP e BNG votaron a favor e o PSOE abstívose.

PUBLICIDADE

O portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Mini Rivas, acusou ao Concello de “ocultación da RPT e do convenio” xa que, engadiu “a adminsitación facilitou a información tan só tres días antes do Pleno, sendo este tema arduo como para poder estudalo en tan pouco tempo”. Rivas apuntou a que “o Concello leva vulnerando os dereitos dos traballadores municipais doce anos, xa que non respetou ningún convenio, agardemos que agora comece a facelo”.

Máis do 70 % do incremento destinarase a reforzar os servizos sociais

Un dos aspectos máis destacados da nova RPT é a súa clara vocación social. Máis do 70 % do incremento orzamentario previsto para 2027, un total de 386.648,76 euros, destinarase directamente ao reforzo dos servizos de atención ás persoas.

Con esta medida, o Concello busca ampliar a capacidade de resposta dos servizos municipais, mellorar a atención ás persoas maiores e dependentes, facilitar a conciliación das familias e garantir unha atención pública máis próxima, profesional e adaptada ás necesidades da veciñanza.

A nova estrutura de persoal permitirá así consolidar os servizos sociais como un dos principais piares da acción municipal, especialmente nun concello rural no que a atención ás persoas maiores e o apoio ás familias constitúen necesidades prioritarias.

Un acordo histórico co respaldo unánime dos sindicatos

A aprobación desta reforma é tamén o resultado dun importante proceso de diálogo e negociación colectiva, que permitiu alcanzar un acordo unánime con todas as organizacións sindicais representadas: CIG, UGT, CCOO e CSIF.

O novo marco laboral recibiu o respaldo unánime da Comisión Negociadora celebrada o pasado 20 de outubro, despois de que a asemblea de traballadores e traballadoras do día 19 ratificase maioritariamente o acordo. O proceso contou tamén co apoio do Comité de Empresa e das representacións sindicais participantes.

Desde o Concello destácase especialmente o labor desenvolvido polos representantes dos traballadores e traballadoras, así como a vontade de diálogo que permitiu sacar adiante un acordo de gran transcendencia para o futuro da administración municipal.

O primeiro convenio colectivo propio de Boimorto permitirá, ademais, homoxeneizar as condicións laborais do persoal municipal, superando as diferenzas derivadas da aplicación de distintos convenios sectoriais e establecendo un marco común de dereitos, obrigas e garantías.

Unha reforma con garantías xurídicas e planificación económica

A aprobación inicial da RPT e a ratificación do convenio colectivo contan cos informes favorables da Secretaría e da Intervención municipal, que avalan a adecuación do procedemento á normativa vixente e a sustentabilidade económica da reforma.

A nova RPT, elaborada coa asistencia técnica do asesor Santos Lorenzo, ten prevista a súa entrada en vigor o 1 de xaneiro de 2027, cunha implantación progresiva que permitirá completar o novo modelo organizativo durante o ano 2028.

Este proceso permitirá dotar o Concello dunha estrutura administrativa máis moderna, estable e eficiente, garantindo unha mellor organización interna e unha prestación dos servizos públicos adaptada ás necesidades presentes e futuras do municipio.

Con esta reforma, Boimorto inicia unha nova etapa na súa organización municipal, na que a mellora das condicións laborais e o fortalecemento dos servizos públicos avanzan da man.

O Concello reafirma así o seu compromiso cunha administración próxima, eficaz e centrada nas persoas, entendendo que investir nos profesionais que prestan os servizos municipais é investir directamente no benestar e na calidade de vida da veciñanza.

A aprobación da primeira RPT e do primeiro convenio colectivo propio representa, deste xeito, un fito na historia administrativa de Boimorto e senta as bases dun modelo de xestión pública que sitúa a atención social, a igualdade de dereitos e a calidade dos servizos no centro das prioridades municipais.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.