O Concello de Cerceda executou un amplo paquete de actuacións nos colexios do municipio para que o alumnado comece o curso 2026-2027 en condicións óptimas. As intervencións, cun investimento de 49.343,07 euros no colexio de Cerceda e de 22.141,91 euros no da Silva, abranguen desde o mantemento integral de zonas comúns ata a transformación tecnolóxica de aulas clave, con melloras en eficiencia, seguridade e confort.
Entre as principais actuacións destacan a renovación integral da Aula de Tecnoloxía do CPI O Cruce, a instalación dun novo valado de seguridade no seu patio infantil e a mellora da sinalización viaria no exterior do CEIP Celso Emilio Ferreiro, co obxectivo de protexer o alumnado nas entradas e saídas. Ademais, nos dous centros pintáronse aulas, corredores, baños e zonas comúns, arranxáronse as instalacións eléctricas e substituíronse luminarias, persianas e outros elementos deteriorados.
A estes investimentos súmanse 25.000 euros que o Concello destina a axudas para material escolar e os 6.192 euros para o mantemento da Escola Infantil Municipal Os Pillabáns, á marxe do investimento na ampliación do centro.
O alcalde do Concello de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, subliñou que “un colexio público ten que ser un lugar seguro, actualizado e coidado, e con estas intervencións melloramos as aulas, pero tamén puntos críticos como a seguridade viaria no exterior ou as instalacións eléctricas”. O rexedor destacou que “dende as nosas competencias como Concello, queremos garantir o benestar dos nosos nenos e nenas e a igualdade de oportunidades”.



