PUBLICIDADE

‘El gato con botas de agua’ pecha en Arzúa o percorrido galego do circuíto Camiño Escena Norte

PorBisbarra

Xoves, 29 Outubro 2026 , , ,
Representación de El gato con botas de agua da compañía asturiana El Callejón del GatoRepresentación de El gato con botas de agua da compañía asturiana El Callejón del Gato

El gato con botas de agua, da compañía asturiana El Callejón del Gato chega a Arzúa, a Capela da Madanela, este venres 30 de outubro ás 18:00 horas. Unha proposta de teatro visual, monicreques e obxectos para público infantil e familiar recomendada a partir de 2 anos, e que forma parte do circuíto de intercambio cultural a través das artes escénicas Camiño Escena Norte. A entrada será de balde ata completar o aforo e, ao remate da función, haberá un encontro entre a compañía de teatro e o público.

Un barco de pesca en alta mar, unha tormenta, un rescate, unha nena e un gato. Recoñecida co Premio Oh! 2025 ao mellor espectáculo para a infancia, a montaxe revisita o conto clásico para reflexionar sobre os dereitos fundamentais da infancia: o dereito a un nome e a unha nacionalidade, á protección e ao coidado, á alimentación e a unha vivenda digna. Ao longo de 42 minutos, El Callejón del Gato conecta a imaxinación do relato tradicional cunha mirada contemporánea e converte unha noite difícil nunha viaxe compartida cara a un porto seguro.

A función de Arzúa será, xunto coa de Vimianzo ese mesmo día, a última sesión de Camiño Escena Norte en Galicia nesta edición, que pecha así o seu percorrido por nove localidades das provincias da Coruña e Lugo.

PUBLICIDADE

Camiño Escena Norte é unha iniciativa promovida polas propias asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Escena (Euskadi), ESNA (Navarra) e AEscena (A Rioxa). O programa mostra, desde a súa creación, parte da mellor produción escénica profesional dos seis territorios, con múltiples linguaxes, disciplinas e propostas estéticas que abranguen teatro, monicreques, ilusionismo, danza, artes do movemento e circo contemporáneo.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.