Cobre San Rafael presentou hoxe en rolda de prensa o Plan TERRAS, o seu marco de contribución social, económica e territorial asociado ao proxecto mineiro de Touro e O Pino. O programa nace para que unha parte do valor xerado pola actividade se traduza en oportunidades e melloras concretas para as persoas, as familias, as empresas e as entidades da contorna.
TERRAS significa Transparencia, Ética e Responsabilidade Real Ambiental e Social. Estes principios definen o modo en que Cobre San Rafael quere relacionarse co territorio: escoitar, asumir compromisos públicos, actuar con criterios obxectivos e dar conta dos resultados.
O plan non só inclúe a proposta inicial de CSR senón tamén outros requirimentos adicionais en materia de beneficios económicos e sociais que a Xunta exixiu ao proxecto, en liña cos obxectivos establecidos pola Lei de recursos naturais (Lei 2/2024, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia).
Como resultado deste proceso, a dotación final do plan social estará vinculada aos resultados económicos do proxecto, pero terá, como mínimo, unha contía de 45 millóns de euros durante o período previsto de construción e operación, valor que poderá ser superior en función da evolución da produción e dos prezos do mercado de cobre.
As actuacións en beneficio do territorio e da veciñanza comezarán desde a fase de construción e manteranse durante toda a vida da actividade. O director xeral de Cobre San Rafael, Fernando Riopa, explicou que o Plan TERRAS se concibe como “un instrumento de retorno social e económico estruturado, medible e sostible a longo prazo, aliñado coas necesidades reais do territorio”. Riopa subliñou que “este compromiso non parte de cero, senón que se apoia no traballo de relación e diálogo que xa viñamos mantendo na compañía coa contorna, con máis de 200 reunións e encontros con entidades veciñais, sociais, ambientais e institucionais, que contribuíron a identificar prioridades e a reforzar o deseño dos nosos compromisos”.
En liña coa Lei de recursos naturais
A tramitación de Cobre San Rafael comezou antes da entrada en vigor da Lei 2/2024, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia. Malia que esta norma non resultaba xuridicamente de aplicación ao proxecto, CSR decidiu asumir os seus principios e os compromisos establecidos pola norma autonómica. Esta decisión parte dunha idea clara: unha actividade industrial vinculada ao territorio debe xerar beneficios que permanezan nel. TERRAS busca ampliar a capacidade do proxecto para crear oportunidades, apoiar a poboación e reforzar as condicións sociais e económicas da comarca.
Catro liñas de actuación
A responsable da Oficina de Relacións coa Veciñanza, Dania Pensado, detallou que o Plan TERRAS se estrutura en catro áreas complementarias:
Terras do Futuro centrarase na formación, o emprego, o emprendemento, a innovación e o desenvolvemento empresarial. Tamén incluirá actuacións vinculadas ao Camiño de Santiago e ás actividades económicas relacionadas con el, pola súa relevancia para a economía local, aproveitando a capacidade tractora do proxecto e promovendo a diversificación e a preparación do territorio para o futuro máis aló da minaría.
Terras de Vida estará orientada ás familias, á infancia, ás persoas maiores e ás persoas dependentes. A súa finalidade será contribuír a que o territorio ofreza mellores condicións para vivir, formar unha familia e permanecer na contorna rural.
Terras do Ulla promoverá o coñecemento, a conservación e a mellora da auga, os cursos fluviais e o sistema Ulla-Ría, mediante a colaboración con administracións, universidades, centros especializados e sectores produtivos, atendendo tamén ao equilibrio ambiental e produtivo do sistema.
Terras da Xente apoiará iniciativas sociais, educativas, culturais e deportivas desenvolvidas polas entidades e colectivos do territorio. O ámbito prioritario será Touro e O Pino. As actuacións poderán ampliarse de forma progresiva á comarca de Arzúa, concellos limítrofes e localidades vinculadas ao Ulla-Ría de Arousa, de acordo coas necesidades identificadas e os resultados obtidos.
Unha estrutura estable e transparente
Cobre San Rafael impulsará a creación da Fundación Atalaya Galicia e dunha Oficina Técnica encargada de poñer en marcha o plan. A Fundación contará con representación territorial e institucional. A Oficina Técnica xestionará as convocatorias, atenderá ás persoas beneficiarias, realizará o seguimento dos programas e garantirá a trazabilidade dos recursos, cun modelo executable e auditable dotado de bases públicas e sólidas para a asignación de axudas, co fin de evitar calquera risco de arbitrariedade e asegurar un funcionamento aliñado coas obrigas de compliance.



