PUBLICIDADE

O Pleno aproba un crédito extraordinario de 1,4 millóns de euros para sufragar gastos dos servizos municipais

PorBisbarra

Venres, 30 Outubro 2026 , , ,
Imaxe do último Pleno celebrado

No pleno ordinario de outubro a Corporación municipal aprobou o crédito extraordinario 2/2026 financiado con remanente de tesourería; unha modificación orzamentaria de crédito para a modificación do contrato de servizo do mantemento de zonas verdes; un recoñecemento extraxudicial; as cotas polos servizos prestados en xullo, agosto e setembro pola Mancomunidade Serra do Barbanza; a autorización dun maior gasto para o convenio SAT 2024-2026; a corrección de erro do modelo normalizado de solicitude da tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas discapacitadas con mobilidade reducida; e o incremento da cantidade global destinada á asignación de gratificacións, horas extras e horas complementarias. Tamén se aprobou a compatibilidade laboral de dous traballadores/as dos departamentos de obras e de recursos humanos; tres ratificacións de decretos da alcaldía sobre subsanacións de deficiencias de proxectos de obras; e o acordo de cumprimento das condicións impostas pola Deputación para o pago do convenio relativo á construción do Mercado Municipal de Abastos.

O pleno comezou coa Corporación municipal gardando un minuto de silencio polas vítimas do accidente ferroviario de Toledo. A continuación, o alcalde dou conta á Corporación municipal dos decretos ditados pola Alcaldía dende a última sesión plenaria ordinaria. Dende o último pleno ordinario aprobáronse 422 decretos, do 2882 ao 3303. Neste apartado tamén se deu conta das actas de Xunta de Goberno Local correspondentes ao mes de setembro e de outubro.

Na parte resolutiva, o primeiro tema que se aprobou por unanimidade foron as actas da sesión ordinaria do mes de setembro celebrada o pasado 24 de setembro, e da sesión extraordinaria solicitada por BNG e ESCO celebrada o pasado 2 de outubro.

Crédito extraordinario 2/2026

A continuación, debateuse sobre sobre a aprobación do crédito extraordinario 2/2026, por un importe de 1.399.994,14 euros, financiado con remanente de tesourería, para novos investimentos e gastos vindicados en exercicios pechados e corrente que carecen de crédito. Este punto foi aprobado co voto a favor dos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e coa abstención do resto de concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, comezou explicando que dita contía se reparte do seguinte xeito: 23.474,07 euros corresponden co subministro de produtos de alimentación para as escolas infantís municipais no 2025, gastos de mantemento nos centros educativos do municipio e no espazo de coworking A Proa no 2025, e coa reforma do tellado da EEI da Iglesia en Tarroeira-Ortoño no 2026. Ademais, 886.742,89 euros son para aboar á Mancomunidade de Concellos da Serra do Barbanza, que liquidou en setembro de 2026 a cota extraordinaria do ano 2026.


Por outra banda, 348.872,19 euros corresponden con actuacións en infraestruturas, instalacións e edificios municipais, que se atopan en estado deficiente ou non se axustan á normativa vixente, ou teñen por obxecto mellorar a seguridade dos viarios tanto en zonas urbanas coma rurais; e 140.904,99 euros son para novas actuacións que supoñen melloras cualitativas nos servizos municipais. O concelleiro indicou que entre estas melloras se atopa a reforma e pavimentación do patio da Escola Infantil A Madalena, onde se cambiaría o caucho por céspede artificial; a mellora da accesibilidade da Casa do Concello; o arranxo da piscina descuberta do Milladoiro; construción dunha senda peonil en Pedras; mellora dos accesos a Firmistáns; a climatización do comedor da EEI do Milladoiro, etc.

A voceira de Espazo Común, Luísa Feijóo, dixo “en primeiro lugar, temos gastos xa realizados, algúns deles correspondentes ao ano pasado que seguen pendentes de pagamento. Por outro lado facturas de gastos de mantemento tanto de centros escolares como de co-working, e a de maior importe deste ano que se corresponde co arranxo do tellado da Escola Infantil de Ortoño. Aquí temos algo claro, son gastos necesarios e xustificados. Os provedores non teñen que asumir as consecuencias da falta de planificación municipal ou da existencia de crédito. Neste punto atopámonos con actuacións necesarias, demandadas pola veciñanza e incluso algunha delas reclamada polo nosos grupo reiteradamente en diferentes plenos. Estamos a falar de melloras na seguridade viaria, en accesibilidade, instalacións educativas, parques e espazos públicos. Son actuacións coas que estamos totalmente de acordo e que queremos que se fagan”.

PUBLICIDADE

Dende o Bloque Nacionalista Galego, Rosalía Seijas sinalou que “este crédito supostamente é para gastos inaprazables e extraordinarios. Ao noso parecer si que hai gastos que son inaprazabres e extraordinarios, e outros que non. O Concello de Ames ten aprobado un plan económico financeiro por incumprir as normas fiscais. E tirar do remanente de tesourería é un dos indicadores que se mira nese cumprimento das regras fiscais, e que se este diminúe, resulta negativo. Aínda que considero que os remanentes se teñen que usar para levar a cabo investimentos e boas actuacións para a veciñanza, creo que hai que telo en conta á hora de usar o remanente de tesourería para certas cousas”.                                                                                                  

Dende o Partido Popular, Pablo Beiroa comezou recoñecendo como necesarios os investimentos recollidos dentro do crédito extraordinario, como un reflexo do que demanda a veciñanza. Sinalou que a pesar de ser numerosas actuacións, pero reducidas en contía, vanse a poder realizar todos elas mediante a figura do contrato menor, polo tanto simplificará moito a tramitación e poderanse facer unha realidade canto antes. En último lugar, que é o que máis nos preocupa e o que nos vai impedir votar a favor, é unha dotación de case 900.000 para facer fronte a unha cota  extraordinaria da Mancomunidade”.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.