PUBLICIDADE

Cousa de números por Lucás Álvarez Pérez

Autor

O 29 de novembro Galicia volverá a escoller 23 dos 350 deputados do Congreso. Catro menos que os 27 que chegamos a escoller nas primeiras eleccións democráticas de España. Iso si, afortunadamente o mesmo número que en 2023, a pesar de que Ourense estivese entre as provincias ameazadas con perder un escano polo crecemento en poboación das grandes circunscricións, en detrimento das máis pequenas.

A Coruña escollerá oito deputados, Pontevedra sete, Lugo catro e Ourense outros catro. A simple vista, Galicia volve a dividirse entre as provincias de interior e as atlánticas. Pero nesta ocasión, o defenestrado xurista Victor D’Hondt será o máximo responsable. Como sabemos, o sistema D’Hondt é o escollido para converter os nosos votos en escanos. Un sistema proporcional que ten o seu rendemento estreitamente relacionado co tamaño das circunscricións. Cantos menos representantes a repartir, máis maioritario se volve o sistema, deixando fóra do reparto a aquelas formacións que quedan en terceiro ou cuarto lugar.

Por iso, o 29 de novembro, teremos catro eleccións en cada unha das nosas provincias, con dous contextos de competición completamente distintos. E eses serán os que marcarán as grandes incógnitas que temos en Galicia de cara a estas eleccións xerais: por primeira vez Vox pode ter representación por Galicia? Será capaz o BNG de ampliar os seus deputados máis alá da Coruña? Canto prexudicarán á esquerda as múltiples candidaturas? Pode ampliar o PP a súa maioría? Que pasará co posible desgaste do PSOE? As probabilidades de todos estes sucesos non dependen dos partidos, dependen dos números.

PUBLICIDADE

En Ourense e Lugo as posibilidades de cambiar o tradicional PP 3 PSOE 1 son practicamente nulas. Un escano nestas circunscricións vale ao redor dun 17%, dificultando a entrada de Vox, as posibilidades do BNG, o cuarto do PP ou o segundo do PSOE. Neste contexto tan maioritario, só poderiamos chegar a ver cambios cunha máis que improbable alianza por bloques, entre os grandes partidos e os seus irmáns pequenos.

Pola contra, na Coruña e Pontevedra o prezo do escano redúcese ata o 10%. Isto aumenta as probabilidades de ver cambios substanciais: a entrada de Vox se chega a estas porcentaxes, o aumento do BNG a 2 deputados (9,4% en Pontevedra o 23J) ao concentrar voto nunha candidatura ben estruturada, ou que baile algún escano do PP ou do PSOE.
Igualmente, aínda non somos Madrid, onde reparten 38 escanos e o prezo móvese arredor do 2-3%. Polo que o Frente Amplio (e calquera espazo ideolóxico) ten traballo por diante para unificar a súa candidatura se quere rañar algo na nosa comunidade, incluso nas provincias atlánticas.

Porque unhas eleccións, máis alá das ideas, son cousa de números.

Lucas Álvarez Pérez, consultor

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.