O goberno local de Cedeira informa de que xa deron comezo as obras de saneamento na rúa Moeche, situada no casco urbano. Trátase dunha actuación contratada por 88.809 euros. O obxectivo é acabar cos problemas que rexistraban as vellas canalizacións en momentos de choivas intensas. Ao mesmo tempo, avánzase na implantación da rede separativa no municipio.
A obra conta con financiamento do Fondo de Compensación Ambiental. O Concello de Cedeira conta con esta achega por acoller no seu territorio muíños e demáis instalacións de enerxía eólica.
Ata agora, a rúa Moeche contaba ata cunha rede unitaria de sumidoiros. A ela conectábanse as augas residuais dos edificios e as pluviais recollidas polas baixantes e sumidoiros. Á mesma rede está conectada tamén parte da recollida de augas pluviais de rúas perpendiculares.
A actuación ten un prazo de execución de dous meses. Consistirá na instalación dun novo sistema de saneamento con recollida separada para as augas residuais e as pluviais, conectando todas as baixantes da auga de choiva que ata o de agora vertían directamente ás beirarrúas. Ao rematar, reporanse os firmes e as beirarrúas.




