PUBLICIDADE

Apróbase a licitación das obras de pavimentación de diversos viarios da parroquia de Ortoño en Ames por valor de 230.000 euros

PorBisbarra

Martes, 13 Outubro 2026 , , , ,
O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “xa estamos aprobando a licitación de varios proxectos incluídos no POS+ 2026, que foron aprobados en pleno no pasado mes de febreiro”

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o pasado 1 de outubro o expediente de contratación das obras de pavimentación dos viarios de Agro do Muíño e do viario de Ortoniño – As Cortes, situados na parroquia de Ortoño. O orzamento base de licitación ascende a 229.991,04 euros (IVE incluído). Este proxecto, que se sufraga con cargo ao POS+ 2026, enmárcanse dentro do plan de arranxo e mellora das vías e infraestruturas municipais. As obras contempladas neste proxecto están encamiñadas á mellora da capa de rodaxe dos viarios da urbanización de Agro do Muíño e do viario que discorre entre os lugares de Ortoniño e As Cortes.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Obras e Servizos Básicos, continúa o seu investimento nas infraestruturas das parroquias e dos núcleos urbanos. Deste xeito, a Xunta de Goberno Local aprobou a licitación das obras de pavimentación dos viarios de Agro do Muíño e do viario que discorre entre os lugares de Ortoniño e As Cortes, situados na parroquia de Ortoño. O orzamento base de licitación ascende a 229.991,04 euros (IVE incluído). Este proxecto está sufragado con cargo ao POS principal de 2026.

O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, explica que “xa estamos aprobando a licitación de varios proxectos incluídos no POS+ 2026, que foron aprobados en pleno no pasado mes de febreiro. Primeiro aprobáronse os proxecto de mellora e acondicionamento do parque de Pardiñeiros, situado na localidade do Milladoiro, e das obras que se van executar en Trasmonte, para mellorar os viarios que discorren pola aldea de O Portanxil e dan acceso ao lugar de Leboráns. Agora tócalle a este proxecto que se vai executar en diferentes viarios da parroquia de Ortoño”.

PUBLICIDADE

Pavimentación de viarios en Agro do Muíño

As actuacións que se contemplan están encamiñadas á mellora da capa de rodaxe do viario situado na parte oeste da urbanización Agro do Muíño, e á reposición da sinalización horizontal da totalidade das rúas.  Con este fin executarase unha nova capa de rodaxe de 3 centímetros de espesor con mestura bituminosa descontinua tipo SMA 8 PMB 45/80 – 60 con fibras. Naquelas zonas que o requiran disporase unha capa de regularización previa con 5 centímetros de mestura bituminosa en quente co fresado correspondente. Tamén se contempla o fresado previo nos pasos de peóns para non elevar a cota da rasante nos vaos peonís.

Para a rúa Tras do Muíño executarase unha nova capa de rodaxe de 5 centímetros de espesor con mestura bituminosa en quente, previo fresado de 5 centímetros de espesor medio. Para o viario que delimita a urbanización polo leste procederase á mellora da capa de rodaxe con tratamento asfáltico superficial e rego de selado a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. As obras complétanse coa reposición da sinalización horizontal e vertical de todas as rúas da urbanización.

Pavimentación do viario Ortoniño – As Cortes

Por outra banda, vaise a reparar e mellorar o pavimento do viario de Ortoniño a As Cortes, na parroquia de Ortoño, nunha lonxitude de 500 metros e 3,80 metros de ancho, así como en 30 metros cadrados de entronques e sobreanchos. Para elo, contémplase a extensión de 5 centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Completan as obras o pintado de marcas viarias, a colocación de 2 sinais de stop e a limpeza de marxes e gabias para a correcta drenaxe lonxitudinal e transversal do viario.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.