A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto aos alcaldes de Oroso e Frades, Alex Doval e Roberto Rey, anunciou o inicio das obras os traballos de acondicionamento da estrada municipal entre O Fontelo, en Frades e San Román de Pasarelos, en Oroso, que permitirán mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos da veciñanza.
Esta actuación conta cun apoio da Xunta de case 50.000 euros e cun investimento total de case 100.000 euros, a través da orde infraestruturas de uso público deste ano 2026 da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que está destinada a localidades de menos de 30.000 habitantes.
A actuación, promovida conxuntamente polos dous concellos, permitirá mellorar o estado do firme dunha vía de titularidade municipal que dá servizo á veciñanza de ambos os municipios a estrada comunica as parroquias de de San Román de Pasarelos en Oroso con núcleo de Fontelo na parroquia de Aiazo no concello de Frades.
Belén do Campo destacou a importancia deste tipo de intervencións para mellorar as infraestruturas viarias municipais, reforzar a seguridade dos desprazamentos e contribuír á calidade de vida da poboación do rural, especialmente das persoas maiores.
Os traballos contemplan a renovación da capa de rodaxe en dous tramos do viario de preto de 2 quilómetros, un en cada Concello.
En ambos os tramos realizarase a aplicación dunha capa de 3 centímetros de mestura bituminosa descontinua, previa reparación dos baches mediante grava e tratamento asfáltico semiprofundo.
As actuacións completaranse coa limpeza de gabias e salvagabias para garantir unha correcta drenaxe lonxitudinal e transversal da vía, así como coa renovación da sinalización horizontal mediante o pintado das liñas de bordo.



