A Deputación de Ourense colaborará cos empresarios da área industrial da Uceira, no Concello do Carballiño, para potenciar o asociacionismo e facilitar a prestación de servizos ás firmas instaladas no parque empresarial.
O presidente da Deputación, Luís Menor, reuniuse coa directiva da Asociación de Empresarios da Área Industrial do Carballiño, encabezada polo seu presidente, Manuel Carballeda. Ao encontro de traballo, mantido no Pazo Provincial, tamén asistiu Daniel Atanes, membro da xunta directiva da asociación.
Os representantes da asociación explicaron que o parque empresarial acolle na actualidade a 57 empresas, con 1.400 traballadores e unha facturación entorno aos 300 millóns de euros anuais.
Na entrevista tamén se expuxeron as necesidades que teñen os empresarios instalados neste espazo, tanto en cuestións que son competencia doutras administracións como aspectos nos que pode colaborar a Deputación.
Pola súa banda, o presidente provincial lembrou que o pulo ao desenvolvemento das áreas industriais na provincia forma parte dos compromisos adquiridos no seu discurso de investidura, “estratexia que encaixa perfectamente cun dos polos de emprego máis importantes da provincia”.
Así mesmo, engadiu que o fomento do asociacionismo redundará “na prestación de máis e mellores servizos aos empresarios da Uceira, fortalecendo este pulmón industrial que xera riqueza, emprego e mantén poboación na comarca”.



