PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

28 familias de Ortigueira beneficiaranse do programa Xantar na Casa

PorBisbarra

Venres, 11 Outubro 2024 ,
O servizo Xantar na Casa ten capacidade para atender ata a 50 persoas usuarias en Ortigueira.O servizo Xantar na Casa ten capacidade para atender ata a 50 persoas usuarias en Ortigueira.

O Concello de Ortigueira acaba de activar o servizo de Xantar na Casa, un programa para mellorar a vida das persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión social. A iniciativa proporcionará comida a domicilio a 28 familias do rural, garantindo unha alimentación equilibrada e adaptada ás necesidades específicas. Así pois, a administración local poderá beneficiar ata a 50 persoas usuarias con este servizo.

Co gallo da posta en marcha de Xantar na Casa, o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín, recibiu no municipio ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar Social da Xunta de Galicia, Perfecto Rodríguez.

“O servizo Xantar na Casa é un paso fundamental na nosa política social e chega directamente ás familias que máis o precisan, sobre todo nas áreas rurais, onde é máis difícil acceder a recursos de atención domiciliaria”, explicou o rexedor. Nesta liña, subliñou o compromiso do Goberno local na mellora da calidade de vida da veciñanza con programas como o recentemente inaugurado.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

COMPROMISO EN MATERIA DE SERVIZOS SOCIAIS

O programa Xantar na casa está cofinanciado polo Concello de Ortigueira, a Xunta de Galicia e o Consorcio. Así pois, ofrece menús completos cun custe real de 6,60 euros, pero que os usuarios só deben aboar 1,76 euros. As persoas beneficiarias, seleccionadas polos Servizos Sociais municipais, recibirán os alimentos preparados directamente nos fogares.

O alcalde ortigueirés fixo fincapé no avance do seu executivo en materia de servizos sociais. Neste sentido, salientou outras medidas locais como o SEETA,  servizo específico de estimulación terapéutica de alzhéimer e outras demencias, dirixido tamén a persoas dependentes.

Coa posta en marcha de Xantar na Casa, Ortigueira únese aos máis de 190 municipios galegos que xa desfrutan desta prestación. Así, a administración local lembra que o prazo de solicitude está aberto todo o ano e o trámite realízase a través dos Servizos Sociais municipais.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.