A oferta das escolas culturais municipais inclúe gaita, pandeireta, baile tradicional, música moderna, ximnasía de mantemento, inglés, debuxo ou teatro
O novo curso das escolas culturais do Concello de San Sadurniño botou a andar, a primeiros de outubro, cun total de 110 persoas inscritas en gaita, pandeireta, baile tradicional, música moderna ou ximnasia de mantemento. Ademais, as actividades culturais compleméntanse coas organizadas polos colectivos veciñais como o grupo de Cantos de Taberna, ou a Asociación Cultural Brío e a súa oferta de inglés, debuxo, baile, e como novidade, teatro, pensados principalmente para a mocidade.
As 110 persoas xa preinscritas nas escolas culturais (gaita, pandeireta, baile tradicional, música moderna ou ximnasia) e en ximnasia de mantemento, unha vez confirmados os grupos en cada disciplina, deberán formalizar a súa matrícula cubrindo os formularios e pagando a taxa correspondente de xeito presentacial no Concello de San Sadurniño ou ben a través da sede electrónica.
Dende o Concello informan que as persoas preinscritas en música moderna deberán agardar, antes de presentar a solicitude formal e efectuar o pagamento, ao establecemento dos grupos e da cota mensual que terán que abonar este curso.
No caso dos obradoiros organizados pola Asociación Cultural Brio (inglés, debuxo, baile e teatro), os interesados deberán falar directamente coa entidade ou consultar na súa páxina web.
As persoas que queiran tamén poden probar no grupo de Cantos de Taberna, que ten as súas portas abertas á incorporación de novos e novas integrantes. Para iso, poden acudir os xoves ás 19:00 horas á Casa da Xuventude ou ben poñerse en contacto con Amparo Calvo no 697 535 344. Pódese probar de balde durante outubro, aínda que non hai cota nin prezo, só unha contribución co que se poda para consumicións e algunha viaxe que se fai. Para participar non é preciso saber cantar, só ter ganas de pasalo ben.
Prezos das escolas culturais
Os prezos de gaita, pandeireta, baile tradicional e ximnasia de mantemento son os seguintes, segundo a ordenanza: 18,01€ de matrícula e 35,76€ de cota trimestral para maiores de 18 anos e menores de 65, mentres que as menores de 18 anos, maiores de 65, pensionistas, estudantes, familias numerosas e titulares do Carné Xove teñen un prezo reducido de 17,22 euros pola matrícula e de 23,85 cada trimestre.
Os horarios, grupos e localizacións das actividades pódense consultar presencialmente ou na web do Concello de San Sadurniño. A cifra de inscritos nas escolas culturais municipais aínda se podería incrementar ao longo deste trimestre, xa que o prazo de inscrición, nestas cinco disciplinas, permanecerá aberto.