PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta aposta pola modernización das infraestruturas ferroviarias en Ferrol

PorBisbarra

Venres, 11 Outubro 2024 ,
Diego Calvo salientou o compromiso da Xunta con Ferrol e a súa comarca.Diego Calvo salientou o compromiso da Xunta con Ferrol e a súa comarca.

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, defendeu esta mañá o compromiso da Xunta con Ferrol e a súa comarca. Ademais, reclamou ao Goberno central que asuma as súas competencias, en especial no que se refire á modernización das infraestruturas ferroviarias pendentes. Así o sinalou nas Conversas no Parador, acto organizado polo Club de Prensa ferrolán, no que estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Na súa intervención, Diego Calvo explicou que a mellora da conexión por ferrocarril entre Ferrol e A Coruña ten que ser unha prioridade para o Goberno central e materializarse en feitos. Por iso, a Xunta está a traballar nun estudo para avaliar as obras e investimentos necesarios que permitirían reducir a case a metade os tempos de viaxe actuais de 1 hora e 20 minutos. Para acadar ese obxectivo o Goberno galego considera necesario avanzar nas obras na liña, con melloras no trazado e o avance nos traballos na variante de Betanzos. Nesta senso, apuntou tamén que para completar o Eixo Atlántico ferroviario é fundamental levar a cabo a modernización nesta liña.

Ademais, instou ao Executivo estatal a desbloquear o proxecto da estación intermodal, para que Ferrol non sexa a única cidade galega sen unha infraestrutura destas características. Para iso, é preciso que Adif asine o convenio que permita iniciar os trámites.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, o alcalde de Ferrol e a delegada territorial da Xunta en Ferrol participaron nas Conversas no Parador.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, o alcalde de Ferrol e a delegada territorial da Xunta en Ferrol participaron nas Conversas no Parador.

Por outra parte, lembrou a reclamación da Xunta ao Goberno central para modernizar o Feve Ferrol-Ribadeo e dotar do material comprometido desde 2018. Esta liña ferroviaria é estratéxica para a conexión das comarcas da Mariña, Ortegal e Ferrolterra, para a comunicación con Asturias e como continuación cara ao País Vasco. Así, Calvo lamentou que se acumule un déficit de investimentos nos últimos anos. Tamén abundou na exclusión de Galicia da medida excepcional do Goberno central, que aplica en Asturias e en Cantabria a gratuidade deste servizo ata 2026.

COMPROMISO DA XUNTA CON FERROL

O titular de Presidencia, Xustiza e Deportes puxo en valor varias actuacións levadas a cabo desde a Xunta. En primeiro lugar, a execución das medidas do Pacto de Estado por Ferrol, a folla de ruta aprobada en 2021 para avanzar na recuperación industrial da comarca. Entre os compromisos adquiridos con esta iniciativa, destacou o proxecto Ferrol, Cidade do Deporte. Neste marco, asinouse o convenio o ano pasado, cun investimento de 18 millóns ata 2027 a partes iguais entre o Goberno galego e o Concello de Ferrol. O obxectivo deste compromiso é levar a cabo a renovación das infraestruturas deportivas da cidade.

Outra das medidas recollidas no plan aposta por converter Ferrol nunha cidade máis humanizada, fomentando a mobilidade sustentable. O eixo principal é o proxecto Abrir Ferrol ao mar, conxunto entre a Xunta, o Goberno local e a Autoridade Portuaria. A iniciativa, da que se está a rematar a primeira fase, inclúe zonas verdes, poñer a disposición máis prazas de aparcamento e impulsar sendas para que a veciñanza se desprace a pé ou en bicicleta.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.