A última xunta de goberno local do Concello de Mugardos aprobou a licitación para a renovación de varias rúas. Así, o proxecto abarca dúas vías completas, a Casás e a Simou, e un tramo pendente de asfaltar no Alto de Simou.
A obra, adxudicada á empresa Canarga, suporá a renovación integral do asfalto da rúa Casás dende o cruce coa rúa Areosa ata a desembocadura na estrada AC-133. Así pois, actuarase nun total de aproximadamente 600 metros.
Por outro lado, tamén se renovará o firme en Simou, concretamente en dous tramos. O primeiro abrangue dende o parque de Roibeiras cara a dereita e remata no cruce cara o lavadoiro de Simou. O segundo trátase dun pequeno tramo que quedou sen asfaltar no seu momento na zona do alto de Simou no enlace coa estrada autonómica AC-130. Ambos tramos suman un total aproximado de 800 metros.
A actuación suporá un investimento total de 200.772,87 euros, no marco do POS 2023.