As obras para a rehabilitación do firme nas rúas Alvaredo, Principal de Loiro e Lameiro do Mato están a piques de finalizar. A falta dalgúns detalles, como o pintado, o groso das actuacións xa está rematado, unha vez aplicado o aglomerado.
Os traballos foron realizados pola empresa Extraco e coa financiación do Plan Provincial de Cooperación de Obras. Trátase dunhas obras moi demandadas pola veciñanza da zona e que melloran considerablemente a seguridade viaria.
Neste sentido, a tenente alcalde de Barbadás, Victoria Morenza, explica que, tras escoitar as peticións veciñais, estas actuacións porán solución a problemas que afectan á vida cotiá.
Con este e outros proxectos, como o de pavimentación do camiño do Barro, o Concello de Barbadás cumpre o compromiso de dotar aos distintos núcleos do municipio dunhas infraestruturas dignas. Como consecuencia, lógrase mellorar a calidade de vida da veciñanza e preservar as condicións medioambientais dos lugares.