O Concello de Barbadás rematou esta semana as obras do paseo do parque da Liberdade. Así, o espazo mellora o seu aspecto e accesibilidade tras varios meses de traballos.
A actuación consistiu na eliminación das barreiras existentes para mellorar a accesibilidade nunha zona moi frecuentada polas familias da Valenzá, a carón da avenida de Celanova. Para iso, retirouse o formigón existente, os sumidoiros e as raíces das árbores. A continuación, formigouse de novo, colocáronse novos sumidoiros e levantáronse as arquetas ata a cota do formigón, arranxando os tramos con lastras rotas.
Grazas a isto, hoxe é unha zona perfectamente accesible, incluso para cadeira de rodas ou carros de bebés.
A tenente alcalde de Barbadás, Victoria Morenza, celebra que se poda acceder con facilidade ao parque, favorecendo “a mobilidade, accesibilidade e seguridade dos veciños e veciñas que pasean por esta zona”.