Os servizos técnicos da Deputación de Ourense están a ultimar os trámites para o inicio dos traballos de restauración da fachada do Pazo Provincial. Esta sufriu graves danos polo lanzamento de pintura, botes de fume e petardos contra esta parte do histórico inmoble.
Nos próximos días a Deputación de Ourense licitará as obras a realizar no inmoble. As actuacións concentraranse na fachada principal, pero tamén se estenderá aos laterais e a fachada posterior do edificio.
O proxecto de restauración foi redactado polo servizo provincial de arquitectura. Os traballos inclúen a eliminación das manchas de pintura na pedra, nas paredes, portas e xanelas. Estes labores obrigarán á colocación dunha estrutura en toda a fachada da rúa Progreso.
O PAZO PROVINCIAL, EDIFICIO DE PROTECCIÓN ESTRUTURAL
O Pazo Provincial está catalogado por parte de Patrimonio como “edificio de protección estrutural“. É dicir, un inmoble singular na contorna polo seu valor histórico ou artístico ou a súa calidade arquitectónica e construtiva.
Esta condición obrigou a contratar unha empresa especializada en restauración. Así pois, determinou o tratamento axeitado contra as pegadas de pintura e determinou que produto, entre os permitidos, ocasionaría menos dano a unha pedra caracterizada pola súa porosidade, dificultando a eliminación da pintura.