A selección española chega en novembro a Ourense, 16 anos despois da man da Deputación, para disputar o seu primeiro partido oficial na cidade das Burgas
A selección española de baloncesto xogará un encontro clasificatorio para o XLII Eurobasket 2025 no Pazo dos Deportes Paco Paz o vindeiro 25 de novembro. Así o anunciaron a Deputación Provincial de Ourense e a Federación Española de Baloncesto o pasado 8 de outubro, dun partido que traerá de novo a Ourense, 16 anos despois, á selección española. Mais nesta ocasión, despois de disputar no pasado cinco amigables, o combinado nacional afrontará o seu primeiro partido oficial na cidade das Burgas.
No Paco Paz, o equipo dirixido por Sergio Scariolo pechará a ventá FIBA de novembro (fase clasificatoria), logo de xogar antes en Bratislava o día 22. Dous importantes partidos para lograr a clasificación e asegurarse a defensa do título de campións de Europa.
A selección española chega a novembro co obxectivo de estrear o marcador de vitorias na fase de clasificación para o Eurobasket de 2025, que se disputa conxuntamente en Letonia, Chipre, Finlandia e Letonia. O dobre duelo ante Eslovaquia supón a primeira oportunidade para clasificarse de forma matemática. Para lograr este obxectivo, España xogará o segundo partido desta fase ao calor da afección de Ourense.
A selección española, actual campioa de Europa, figura no Grupo C, xunto a Bélxica, Eslovaquia e Letonia. Ademais de Letonia, xa clasificada como anfitrioa, clasificaranse para o Eurobasket 2025 as dúas primeiras seleccións do grupo. A terceira e última ventá será en febreiro de 2025. España xogará ante Letonia, o día 20, e ante Bélxica o día 23.
As entradas para o partido que se disputará no Pazo dos Deportes Paco Paz xa se poden adquirir premendo nesta ligazón.