As obras de mellora da rede de saneamento na rúa do Viso, cun orzamento de algo máis de 66.000 euros, comezaron a semana pasada. O prazo de execución dos traballos é de tres meses, segundo o proxecto adxudicado. Ademais, a actuación incorpora un novo firme para esta vía, que será reaglomerado. Así, suporá unha mellora na accesibilidade ao centro da Valenzá desde Finca Fierro, Cabeza de Vaca, Parada e Piñor.
Esta zona, moi habitada e frecuentada pola presenza do Mercadona, sofre problemas de acumulación de agua en épocas de choiva, pola falta de capacidade de desaugue. O obxectivo da actuación é precisamente aumentar a eficiencia do sistema de saneamento e mellorar a mobilidade e a seguridade viaria nesta rúa.
ACTUACIÓNS NA RÚA DO VISO
As obras inclúen a instalación de preto de 75 metros de tubaxes de PVC de maior capacidade que as actuais, así como a construción de seis novos pozos de rexistro para mellorar a xestión das augas pluviais. Estas serán canalizadas para evitar que prexudiquen a rúa San Bernabé e os garaxes da zona, que sofren inundacións cotiáns.
“Aumentaremos o número e dimensión das tubaxes para poder recoller adecuadamente as pluviais e confluír despois na rede xeral”, explica a tenente alcalde, Victoria Morenza.
Así mesmo, tamén se acometerán outras actuacións dentro do marco deste proxecto, como a demolición de bordos e pavimentos en mal estado, a renovación do mobiliario urbano afectado polas obras e a repavimentación da calzada.
O aglomerado da rúa do Viso repercutirá positivamente a unha poboación dunhas tres mil persoas. Esta actuación súmase ás melloras acometidas nos últimos anos na travesía do Viso e na rúa das Burgas.
“A nosa vontade é a de mellorar as infraestruturas públicas, dotar á veciñanza de equipamentos de calidade e mellorar a súa calidade de vida”, explica a tenente alcalde de Barbadás. Neste sentido, espera que as obras solucionen os problemas da rede de saneamento e axude a previr futuras incidencias relacionadas coas choivas.