O servizo de Xantar na casa conta na actualidade con 79 persoas usuarias no Concello de Ferrol. Así o informou a concelleira de Política Social, Rosa Martínez. “É un servizo de comida a domicilio co que pretendemos facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada aos usuarios”, manifestou a edil. O perfil de usuarios son persoas maiores, dependentes e persoas en risco de exclusión social. Así pois, o servizo permite que persoas que non se poden valer por si mesmos teñan cubertas as necesidades básicas de alimentación
O programa Xantar na casa é froito do convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e de Benestar e o Concello de Ferrol, e está vixente dende o ano 2020. “O pasado mes de maio ampliamos 15 prazas máis, pasando de 70 a 85, das cales están cubertas 79 nestes momentos”, matizou a concelleira.
A concelleira de Política Social recordou que o custo do menú é de 6,60 euros. Deste importe, o Concello de Ferrol abona 1,76 euros, a Xunta de Galicia, 3,08 euros; e a persoa usuaria faise cargo do resto, que se reduce a 1,76 euros.
Finalmente, Rosa Martínez salientou que o programa Xantar na casa axuda a evitar o deterioro da calidade de vida das persoas maiores ou dependentes, a través dunha dieta equilibrada. Así mesmo, facilita os coidados ás familias e realízase un seguimento individualizado de cada caso.