O concelleiro de Servizos e Zona Rural de Ferrol, José Tomé, presentou esta mañá os resultados da campaña de limpeza e recollida de vertedoiros incontrolados. No marco deste recolléronse 122.800 quilogramos de lixo. O edil estivo acompañado polo presidente da agrupación das asociacións veciñais da Zona Rural, Manuel Sendón, e outras dúas representantes da entidade, Laura Vidal e Ángeles Formoso.
O edil informou de que o Concello de Ferrol destinou 16.498 euros á recollida de 35 amoreamentos de materiais diversos en Doniños, Mandiá, Bailadora, Serantes, Cobas, Recimil, Camiño do Tiro, A Pega, Catabois e Mougá.
Deste xeito, a administración local dá resposta ás comunicacións de veciños, do Seprona e doutros organismos informando dos vertedoiros ilegais en lugares xeralmente apartados. Entre os materiais predominan os residuos de construción e demolición. A empresa encargada da recollida é Recinor e a campaña estenderase ata finais de mes.
O edil apuntou que este tipo de vertedoiros actúan como reclamo, de xeito que cando aparece un pequeno amoreamento, ás poucas semanas o seu volume increméntase. Neste sentido, fixo fincapé en que se exercerá vixilancia sobre novos vertedoiros, aplicándose sancións ás persoas que non depositen o lixo nos lugares establecidos, como os colectores de lixo ou o punto limpo.
Pola súa banda, o presidente da agrupación das asociacións veciñais da Zona Rural apuntou á falta de civismo das persoas que contribúen á existencia de vertedoiros incontrolados e apelou á necesidade de establecer vixilancia e sancións.