PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

A Xunta outorga a San Sadurniño a Bandeira Verde de Galicia

San Sadurniño e outros 23 municipios lograron o recoñecemento da Bandeira Verde de Galicia.San Sadurniño e outros 23 municipios lograron o recoñecemento da Bandeira Verde de Galicia.

O Concello de San Sadurniño é un dos 24 municipios galegos que este ano acceden ao exclusivo club de municipios que poderán lucir a Bandeira Verde de Galicia. Trátase dun recoñecemento outorgado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Xunta de Galicia. Este pretende poñer en valor a implicación das entidades locais e da veciñanza no coidado da paisaxe e do patrimonio natural.

No procedemento de concesión das bandeiras valoráronse as boas prácticas para o coidado da contorna, o respecto á paisaxe, a redución das emisións de dióxido de carbono, a posta en valor dos monumentos naturais, a educación e sensibilización ambiental, a redución do consumo enerxético e iniciativas de dignificación do territorio. Na resolución co outorgamento da bandeira destácase o “elevado número” de accións presentado por San Sadurniño, “moi superior ao mínimo requirido” para optar á distinción.

Os ámbitos de actuación nos que se encadran as accións incluídas nas candidaturas son a ordenación do territorio, a protección do medio ambiente e da paisaxe, o cambio climático e a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos e as accións de sensibilización e a comunicación relacionadas cos puntos anteriores.

PUBLICIDADE

Neste sentido, San Sadurniño achegou unha relación de políticas e programas concretos sobre aforro enerxético, por medio do progresivo cambio a led da rede de iluminación pública; a auditoría sobre o estado do abastecemento de auga e as melloras no sistema de condución para evitar perdas, as campañas en materia de xestión responsable dos residuos, como compostaxe, correcta separación, recollida de roupa usada en colaboración con Insertega; ou a posta en marcha da app Liña Verde de comunicación de incidencias.

Ademais, a administración local tamén incluíu na súa candidatura á Bandeira Verde de Galicia proxectos supramunicipais como o Xeoparque do Cabo Ortegal, o programa de prevención e intervención ante o maltrato O Lavadoiro e a participación na Fusquenlla, como centro que aposta polo desenvolvemento sostible do rural.

Alén destas, a área municipal de Desenvolvemento local tamén mencionou as melloras na accesibilidade en distintas dependencias municipais, incluída a instalación dun elevador na piscina municipal; e accións como o programa de lecer ambiental Terra de vida, as dúas grandes feiras que teñen lugar na Cortiña, a da Plantación e a Rural; as liñas de colaboración con entidades do sector primario ou os recoñecementos acadados nos últimos anos dentro do programa Vilas en Flor.

Tras coñecer a resolución da Consellaría de Medio Ambiente e Cambio Climático, o concelleiro responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou que o galardón “é o recoñecemento a un labor constante de promoción da sostibilidade ambiental con accións concretas, pero tamén como algo transversal que se aborda desde a totalidade das políticas municipais”.

Varela puntualiza que entrar no club da Bandeira Verde de Galicia é “un motivo de orgullo para toda a veciñanza de San Sadurniño” e un un mérito para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e xestión de residuos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.