O Servizo Galego de Saúde licita a obra para a creación dunha ampla área de atención á saúde mental infanto-xuvenil. Esto implica a activación dun novo hospital de día infanto-xuvenil, a través da reforma da ala 1 C, primeiro andar do Hospital Naval do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol.
Tal e como se recollen nos pregos desta contratación, a obra acométerase en dúas fases. A primeira correspóndese coa activación da Área de saúde mental infanto-xuvenil e a xeración dun hospital de día para esta atención. Nunha segunda fase, habilitaranse as consultas. Actualmente, os profesionais da Unidade de saúde mental infanto-xuvenil xa a están a prestar esta atención no terceiro andar do Hospital Naval.
As empresas poderán presentar ofertas ata o 25 de outubro e o prazo de execución será o que resulte da oferta da empresa adxudicataria. O presuposto base de licitación previsto ascende a 459.998 euros. Esta obra de reforma implicará que medre considerablemente a atención á saúde mental dos máis novos, destinando máis de 800 metros cadrados ao proxecto; 540 para esta primeira fase e 273 na segunda.
A creación dun hospital de día infanto-xuvenil supón “a activación dun espazo seguro onde axudar a nenos e adolescentes cun elevado nivel de sufrimento afectivo e emocional, e que repercute de xeito grave no seu día a día”, explican dende o Servizo de Psiquiatría. Nesta área, desenvolvida ao abeiro do Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2024, prestarán servizo un psiquiatra, un psicólogo clínico, unha enfermeira especialista en saúde mental e unha traballadora social.