O Concello de Barbadás aprobou unha modificación de crédito para adicar parte da liquidación definitiva da participación nos tributos estatais a necesidades urxentes. Máis en concreto, trátase de 158.000 euros do incremento de 700.000 euros adicionais por parte do Estado ás arcas municipais. Neste sentido, destinaranse a actuacións que non poden demorarse ata o exercicio seguinte e a facer fronte ao incremento xeneralizado de prezos.
Entre as primeiras, están a inxección de 40.000 euros máis este ano en axudas ao transporte, dado o notable incremento de viaxeiros. Así mesmo, aumentarase en 25.000 euros a partida coa que se financia a redacción dos proxectos das obras incluídas no Plan Provincial e en 15.000 máis a contratación de estudos e traballos técnicos.
Neste sentido, dende o Goberno local sinalan a gran cantidade de proxectos nos que está a traballar, redactar e impulsar. “Na maior parte dos casos teñen que ver coa mellora de infraestruturas básicas e da calidade de vida da veciñanza no seu día a día”, aseguran.
No tocante ao transporte público bonificado, os usuarios aumentan progresivamente en Barbadás. Mentres que no 2022 contabilizáronse 215.492 viaxes, no 2023 alcanzou as 308.355. Neste senso, a administración local bonifica o billete xeral cun desconto do 37%, chegando ao 55% para estudantes e o 48% para pensionistas. No caso das persoas en risco de exclusión, é totalmente gratuíto.
Así mesmo, na modificación de crédito aprobada inclúense máis recursos para servizos de educación, fomento do emprego, subministros para instalacións deportivas, traballos técnicos ou reparación de maquinaria. En canto ao resto do incremento de 700.000 euros, o goberno destinouno a investimentos e pago de facturas de provedores.
A maiores, o Concello de Barbadás acordou a declaración de créditos non dispoñibles por importe de 541.000 euros. Neste senso, a administración local tiña previsto solicitar no momento de aprobación do orzamento, pero xa non será preciso ao quedar cuberta esa previsión cos ingresos adicionais das arcas estatais.
Todos estes acordos económicos saíron adiante cos votos a favor dos concelleiros do PSdeG-PSOE, DO e Partido Galego; mentres que PP e BNG votaron en contra.