O comité político-técnico para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense continúa avanzando coa planificación deseñada. Así, conta coa participación dos Concellos de Amoeiro, Barbadás, Cenlle, Coles, Ourense, Paderne de Allariz, Pereiro de Aguiar Taboadela, A Peroxa, Punxín, San Cibrao das Viñas, Toén e Vilamarín, así como Esgos e Nogueira de Ramuín, convidados a incorporarse a este proceso.
Nesta segunda reunión, os concellos limítrofes co termo municipal de Ourense presentaron as súas propostas de extensión de liñas. Tal como se planificara no primeiro encontro, limítase a tres quilómetros de extensión con respecto ás liñas actuais.
Neste sentido, o Concello de Ourense informou que esta semana levará á xunta de goberno local o expediente para a contratación do servizo municipal de transporte urbano. Este documento presenta modificacións, aínda que non substanciais, coas liñas sobre as que se está a traballar neste comité. Por este motivo, haberá que reformular determinadas propostas. “Unha vez solucionada esta pequena incidencia, porémonos a traballar na efectividade das liñas”, explicou o presidente provincial, Luís Menor, “coa fin de traballar en conxunto todas as administracións”.
REFORMULACIÓN DO TRANSPORTE METROPOLITANO
Na reunión acordouse tamén que todos os concellos limítrofes co termo municipal de Ourense adapten ou reformulen as súas propostas de extensión de liñas. Neste sentido, débense adaptar ás novas liñas que figuran nos pregos que rexen na nova contratación do servizo municipal de transporte urbano do Concello de Ourense.
Na mesma sesión tamén quedou establecido que cada concello limítrofe reordene internamente as liñas concesionadas pola Xunta de Galicia, a través do mantemento, modificación ou supresión. Así mesmo, o resto de concellos afectados deberá reordenar igualmente as súas liñas, tendo en conta as novas paradas terminais coas ampliacións de liñas propostas.
“A valoración é moi positiva, porque aínda que é un traballo moi arduo e somos moitos os actores implicados, manifestouse unha clara vontade de chegar a acordos con datos concretos na man, facendo cada concello os seus deberes en tempo e forma”, concluíu o presidente provincial
A Deputación de Ourense activou esta comisión político-técnica para desbloquear a situación do transporte metropolitano en Ourense, cumprindo así o compromiso adquirido mediante acordo plenario unánime provincial.