PUBLICIDADE

O Centro Integral de Saúde de Ourense, proxecto público de urxencia

O novo Centro Integral de Saúde suporá un investimento estimado de máis de 14 millóns de euros.O novo Centro Integral de Saúde suporá un investimento estimado de máis de 14 millóns de euros.

O Consello da Xunta aprobou esta mañá declarar o novo Centro Integral de Saúde Novoa Santos de Ourense como proxecto público de urxencia e de excepcional interese.

Con este acordo, para a tramitación das obras do novo equipamento sanitario por Lei 3/2016, o Executivo galego achegará celeridade á construción do que será o primeiro Centro Integral de Saúde da provincia ourensá.

Así, tras supervisar e aprobar o seu proxecto de execución, no que se determinará o orzamento final necesario, a Xunta licitará as obras. Non obstante, o investimento estimado supera os 14 millóns de euros.

PUBLICIDADE

DETALLES DO FUTURO CENTRO INTEGRAL

A actuación recollerá os traballos de demolición do actual inmoble e a construción da nova infraestrutura sanitaria, que atenderá a unha poboación de 130.000 persoas. O futuro equipamento sanitario de vangarda distribuirase en 13 andares, cun semisoto, un baixo e once andares; e contará cunha superficie construída de 7.584 metros cadrados.

Deste xeito, o Executivo galego reforzará a atención sanitaria da cidade de Ourense incorporando novos servizos. Ademais, integraranse no mesmo espazo o Punto de Atención Continuada (PAC) e ampliarase a atención médica e de enfermería fóra do horario ordinario.

Así mesmo, a maior dispoñibilidade de espazo permitirá incorporar novos servizos, como programas de rehabilitación integral (solo pelviano, enfermidades musculoesqueléticas e rehabilitación cardíaca), así como ampliar a dotación de recursos, estruturais, diagnósticos e humanos. Ademais, permitirá incorporar novas unidades de diagnóstico, con equipos e salas de ultrasóns e radiodiagnóstico; de saúde mental e de rehabilitación.

As instalacións do novo CIS Novoa Santos de Ourense disporán dunha área asistencial de atención clínica, con 33 consultas de medicina, enfermería, farmacia, odontoloxía e hixienista. Tamén contará con 4 salas polivalentes e 4 salas de docencia; ademais das correspondentes salas de técnicas, de tomas de mostras e de espera de pacientes. A maiores, terá unha área de pediatría, con 4 consultas médicas e de enfermería, unha sala polivalente e unha sala de lactancia.

Xunto con isto, engádese a área de atención á muller, con 2 consultas, e incluirá o Centro de Orientación Familiar (COF), con dúas consultas de obstetricia, unha de enfermería e outra de psicoloxía.

Finalmente, contará con novas unidades, como a área integral de rehabilitación, cunha consulta de fisioterapia, un ximnasio con 6 cabinas de tratamento e unha sala de rehabilitación. Tamén unha área de saúde mental, con 17 consultas de psiquiatría, enfermería, traballo social, psicoloxía e docencia. Para rematar, a área de radiodiagnóstico, cunha nova sala específica de diagnóstico por ultrasóns, de nova creación, e unha sala de ecografía, ademais dunha área específica de telemedicina.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.