O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, mantivo hoxe un encontro de traballo no Pazo Provincial co director de Telefónica da zona Norte de España, Manuel Ángel Alonso. O obxectivo da reunión era explorar liñas de colaboración que resultasen de interese para ambas entidades.
Entre os asuntos abordados durante a reunión, o presidente provincial comprometeuse a colaborar no proceso de substitución ou “apagón” da liña de cable. Este proceso remata a finais deste ano. Neste sentido, a Deputación de Ourense traballará con Telefónica e as alcaldías e representantes políticos para que “este proceso remate con total normalidade e pasemos da tradición ás vantaxes que ofrece a liña de fibra óptica”.
Por outra banda, Luis Menor solicitou a Telefónica a súa colaboración para dar difusión ao programa de “Nómades dixitais” da Deputación, a través da súa rede de colaboradores en diferentes países.
Este programa provincial presenta aos establecementos termais como espazos idóneos para teletraballar e descansar. O programa inclúe aloxamento en réxime de pensión completa, 10 técnicas termais, espazo común de networking e diversas actividades que contribuirán a complementar a experiencia nas horas libres.