A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na apertura da segunda edición da Feira de Empresas e Talento, Festalent, organizada polo Campus Industrial da Universidade da Coruña. Alí, incidiu na importancia de aliñar as necesidades das empresas coas aspiracións da mocidade galega, “creando sinerxías que beneficiarán a toda a sociedade”.
Durante a súa intervención, Aneiros manifestou o compromiso do Goberno galego cunha formación orientada á empregabilidade. Non obstante, tamén incidiu na necesidade de que as empresas e as institucións públicas colaboren para crear oportunidades reais de crecemento.
A representante autonómica destacou o papel do campus industrial de Ferrol como motor económico e dinamización na comarca de Ferrolterra, “inmersa nunha gran transformación produtiva”. Así mesmo, defendeu a especialización técnica como a que posúe o campus de Ferrol, que vén de renovar a súa acreditación como campus especializado.
A delegada territorial felicitou ao Campus Industrial de Ferrol pola iniciativa “que simboliza a cooperación entre o ámbito educativo e o tecido empresarial”. Tamén gabou ás empresas participantes “por apostar pola innovación e o talento emerxente como motores de crecemento e polo seu compromiso en ofrecer aos nosos mozos a oportunidade de desenvolver o seu potencial”.

SEGUNDA EDICIÓN DE FESTALENT
A Feira de Empresas e Talento, Festalent, reuniu durante a xornada de hoxe no pavillón municipal de Esteiro a máis de 40 empresas e institucións. O principal obxectivo de Festalent é tecer redes de contacto co alumnado universitario que está a buscar a súa primeira oportunidade laboral.
Como novidade deste ano, adicouse un córner exclusivamente ao emprendemento, no que o público asistente puido coñecer de primeira man tres proxectos empresariais nados no Campus Industrial de Ferrol.
De forma paralela, no salón de actos do campus desenvolveuse unha conferencia sobre emprendemento, impartida pola cofundadora da empresa de enxeñaría Cesac, Soledad Somoza. Ademais, celebráronse dúas mesas redondas centradas no papel dos colexios profesionais e nas perspectivas de emprego sectorial desde o punto de vista da empresa. Finalmente, realizouse un obradoiro de marca persoal, impartido pola fundadora de Strategia Online e EME Escuela de Márketing, Begoña Rodríguez.