O presidente da Deputación de Ourense, Luís Menor, realizou esta mañá unha visita ás instalacións do parque de bombeiros provincial, situado no polígono de San Cibrao das Viñas. Este presta servizo a unha área de máis de 30.000 habitantes. Dentro da mesma inclúese a área industrial máis importante de Ourense, segundo sinalou Menor, xa que concentra o 70 ou 80% da industria e case de toda a provincia.
Menor salientou o carácter estratéxico e a importancia deste parque de bombeiros, que leva máis de 20 anos en funcionamento. “Comprobamos o seu extraordinario funcionamento, pero tamén a necesidade de implementar melloras, tanto nas propias instalacións como nas súas dotacións”, indicou o presidente provincial. Neste sentido, os 11 membros deste servizo provincial comprometéronse a elaborar un informe con todo o necesario que debería acometer a Deputación para levar a cabo esas melloras.
Menor mencionou a posibilidade de crear un proxecto para poder cambiar as instalacións, aínda que a localización das mesmas impide unha ampliación. O presidente asegurou que se trata dun “crecemento absolutamente necesario e que temos que abordar probablemente noutro lugar inmediato”.
Así pois, a Deputación de Ourense comprometeuse a mellorar as condicións actuais materiais, pero tamén a estudar o aumento da súa dotación de profesionais. De feito, Menor fixou nun horizonte maior a “posibilidade de construír un parque de bombeiros comarcal, un parque metropolitano de Ourense que preste servizos esas máis de 30.000 persoas e acolla as necesidades da industria da provincia”.




