PUBLICIDADE

A Xunta e Narón abordan a mellora do colector xeral do río Freixeiro

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa alcaldesa de Narón para abordar vías de colaboración con Augas de Galicia.A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse coa alcaldesa de Narón para abordar vías de colaboración con Augas de Galicia.

A Xunta de Galicia e o Concello de Narón avalían vías de colaboración para acometer a mellora do colector xeral do río Freixeiro. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, reuníronse para tratar este asunto.

Neste senso, a conselleira asegurou que Augas de Galicia está á disposición do Concello de Narón para ofrecer a axuda técnica que sexa necesaria no procedemento. Así mesmo, aseverou a colaboración autonómica no futuro financiamento da actuación, cuxo orzamento base de licitación ascende a 4,3 millóns de euros.

A titular de Medio Ambiente e Cambio Climático lembrou que unha posibilidade sería optar pola declaración de interese xeral do Estado. Esta fórmula foi empregada noutros proxectos de grande envergadura, como as obras de construción da nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, no concello de Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE

Ademais, a alcaldesa informou á conselleira da necesidade de levar a cabo varias actuacións en materia de saneamento na contorna rural do municipio. Nesa liña, Ángeles Vázquez reiterou a disposición de Augas de Galicia a avaliar posibles proxectos concretos.

A conselleira asegurou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

A maiores, as representantes local e autonómica tamén abordaron o plan de conservación dos ríos no termo municipal. Así, Ángeles Vázquez explicoulle á rexedora que, tras as actuacións en varios tramos fluviais do río Grande de Xubia, Augas de Galicia ten previsto acometer labores de conservación na área con risco potencial significativo de inundación (ARPSI) do río Freixeiro no mes de febreiro.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.