PUBLICIDADE

A Xunta inicia a rehabilitación de dous edificios en Ferrol co programa Rexurbe

PorBisbarra

Mércores, 5 Febreiro 2025 , ,
A rehabilitación destes dous edificios en Ferrol Vello creará catro vivendas do parque público destinado a alugueiro accesible.A rehabilitación destes dous edificios en Ferrol Vello creará catro vivendas do parque público destinado a alugueiro accesible.

A Xunta inicia a rehabilitación de dous inmobles no barrio Ferrol Vello no marco do Programa Rexurbe. En concreto, as actuacións terán lugar nas rúas Castro 22-24 e Benito Vicetto 17. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitaron o inicio das obras. As representantes autonómicas estiveron acompañadas do alcalde ferrolán, José Manuel Rey Varela.

A previsión é que a rehabilitación, financiada con fondos propios do Goberno galego, remate no verán do 2026. As catro vivendas resultantes formarán parte do parque público destinado a alugueiro accesible.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas explicou que tamén se atopan en execución as obras dos números 22-24 e 8 da rúa Carme Curuxeiras, nas que se obterán cinco vivendas. No primeiro caso, as obras están bastante avanzadas. No segundo, atópanse en menor grado de execución por cuestións técnicas, pero xa avanzan a bo ritmo.

PUBLICIDADE

PROGRAMA REXURBE EN FERROL

A conselleira recordou que o programa Rexurbe ten como obxectivo a rehabilitación de inmobles para a rexeneración dos cascos vellos das cidades, servindo como catalizador para recuperar e incentivar a iniciativa privada na recuperación dos conxuntos históricos. No caso de Ferrol Vello, o Goberno galego ten en marcha diferentes actuacións nos 24 inmobles que adquiriu por un total de 1,5 millóns de euros e que sumarán medio centenar de vivendas ao parque de vivenda pública da cidade.

No caso do programa Rexurbe en toda Galicia, Martínez Allegue salientou que a Xunta adquiriu un total de 94 inmobles, para obter 167 vivendas, cun investimento que acada ata o de agora os 30 millóns de euros.

A Xunta ten en marcha en Ferrol Vello actuacións en 24 inmobles sumarán medio centenar de vivendas ao parque de vivenda pública.
A Xunta ten en marcha en Ferrol Vello actuacións en 24 inmobles sumarán medio centenar de vivendas ao parque de vivenda pública.

A conselleira salientou que a Xunta tamén ten en marcha a construción de máis de 100 vivendas públicas no polígono de Bertón de Ferrol, cun investimento polo de agora de preto de 3 millóns de euros. Destacou que dúas das actuacións atópanse en proceso de licitación de obra, e que o prazo rematará a mediados deste mes en ambos caso

Pola súa banda, Rey Varela lembrou que Ferrol “é unha cidade en movemento que está a gañar habitantes, e ter vivendas que se convertan en fogares é unha aspiración conxunta”. Neste sentido, fixo fincapé en que este ano será o da “gran eclosión do Rexurbe, moi importante para Ferrol Vello”.

Así mesmo, fixo referencia á consonancia do investimento público que á súa vez potencia o privado, o que permite que “o conxunto da cidade poida mellorar o seu aspecto pero que tamén sexa un lugar magnífico para vivir”.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.