PUBLICIDADE

Ribadavia lanza un programa municipal de dinamización do comercio local

PorBisbarra

Mércores, 5 Febreiro 2025 ,
Imaxe do mercado “Artesanía. Saber e Sabor” de Ribadavia, inspiración para a campaña municipal de dinamización do comercio local.Imaxe do mercado “Artesanía. Saber e Sabor” de Ribadavia, inspiración para a campaña municipal de dinamización do comercio local.

O Concello de Ribadavia lanza un programa municipal para dinamizar o comercio e a economía local. Tras o éxito da campaña de Nadal e o mercado “Saber e Sabor”, esta iniciativa busca o mesmo obxectivo; reactivar a actividade do tecido comercial da vila, especialmente no casco histórico. Neste sentido, impulsará o alugueiro de locais baleiros e sen uso para adicalos a comercios.

Este programa municipal arranca cun concurso público para que os propietarios que dispoñan de locais sen actividade podan ofrecerllos ao Concello, a cambio dun alugueiro, para adicalos a establecementos comerciais.

REVITALIZAR O CASCO HISTÓRICO DE RIBADAVIA

O obxectivo principal deste programa é fomentar a revitalización da zona antiga da vila, facilitando a posta en marcha de novos negocios e espazos de actividade que contribúan ao atractivo turístico e comercial da localidade. Poderán participar nesta convocatoria os propietarios de baixos comerciais sen actividade situados na área delimitada polo proxecto, que esencialmente é o casco histórico e, en algúns casos, tamén as rúas anexas que cumpran unha serie de requisitos.

PUBLICIDADE

As persoas interesadas poderán optar por distintas modalidades de uso dos seus locais, segundo as características dos espazos dispoñibles. Así, diferénciase entre local comercial, destinado á venda de produtos e servizos; local activo, pensado para actividades como obradoiros, demostracións ou cursos; e escaparate comercial, espazos para exhibición de produtos ou información sobre servizos.

Os locais seleccionados serán valorados en base á súa localización, estado de conservación, superficie, adaptabilidade ao uso previsto e capacidade de atracción de público. Os propietarios interesados poderán presentar as súas solicitudes ata o mércores 19 de febreiro ás 14:00 horas no Rexistro Xeral do Concello de Ribadavia ou a través da súa sede electrónica.

Con este programa, o Concello de Ribadavia reafirma o seu compromiso coa recuperación do patrimonio histórico e co impulso da actividade económica local, convertendo os espazos en desuso en puntos de dinamización social e comercial.

A iniciativa xorde a raíz da exitosa experiencia levada a cabo a finais de novembro do ano pasado, no marco dunha iniciativa da Xunta de Galicia, o mercado “Artesanía. Saber e Sabor”. Para aquel evento, que se desenrolou entre o 6 e o 8 de decembro, mobilizáronse 6 locais, entre privados e municipais. Agora, o Goberno local espera que se supere amplamente este número de locais alugados a través deste concurso.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.